O BNG de Vigo demanda naturalizar con arboredo a Porta do Sol
A fronte nacionalista reclama ao Goberno municipal que non condene o quilómetro cero da cidade a un “ermo gris onde o único mobiliario son macroterrazas privadas da hostalaría”
Xabier P. Igrexas: “Temos a oportunidade de dotar o centro dun grande espazo público para o xogo seguro das crianzas, o lecer das persoas maiores e o desfrute das viguesas e vigueses”
O Bloque Nacionalista Galego de Vigo demanda naturalizar con arboredo a Porta do Sol. A fronte nacionalista reclama así ao Goberno municipal que non condene o quilómetro cero da cidade a unha superficie de máis de 3 mil metros cadrados de “cor gris pedra”, onde o único mobiliario sexan macroterrazas privadas da hostalaría.
“Arboredo para facer desta praza un espazo habitábel, no que vivir e convivir, e non só un espazo que atravesar”, propuxo o concelleiro e candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que chamou a non resignarse a que o “único verde no corazón da cidade” sexan 4 exemplares de liquidámbar reinstalados na Praza da Princesa.
“Temos a oportunidade de dotar o centro dun grande espazo público para o xogo seguro das crianzas, para o lecer das persoas maiores e para o desfrute do conxunto as viguesas e do vigueses durante todos os días do ano”, destacou Igrexas, que contrapuxo este modelo co proxectado polo goberno de Caballero que reduce esta praza a unha “parcela empedrada”.
O candidato do BNG salientou o papel fundamental do arboredo para “dar vida aos espazos urbanos”
Lembrou que fornecen de zonas de sombra, regulan a temperatura e permiten a presenza doutra flora e fauna. Tamén a necesidade de dotar a Porta do Sol de mobiliario urbano para que non sexa “ocupada só polas macroterrazas privadas da hostalaría”.
Desde a fronte nacionalista defenderon neste sentido que existen “solucións tecnicamente posíbeis e factíbeis” para naturalizar a Porta do Sol sen que impida outros usos como a celebración de grandes eventos.