O BNG de Vigo oporase á ampliación de prazo para a aprobación provisional do novo PXOM

Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo
Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo

A fronte nacionalista votará en contra da proposta do Goberno municipal atendendo as advertencias do propio Secretario Xeral do Pleno sobre as consecuencias urbanísticas que terá a ampliación ao rematar o período de suspensión automática de licenzas

Denuncian que o único que persegue o Goberno de Abel Caballero é “darlle saída a toda presa” a preto de 100 licenzas que co novo PXOM non poderán outorgarse nun “novo exemplo indecente de urbanismo á carta”

Xabier P. Igrexas: “O BNG non imos colaborar cunha manobra que se basea nunha interpretación normativa moi arriscada e que para alén de someter a tramitación que resta do novo Plan Xeral a unha evidente inseguridade xurídica o que vai provocar é que se poidan dar licenzas que co novo Plan Xeral non serán legais”

O BNG de Vigo oporase á ampliación de prazo para a aprobación provisional do novo PXOM

O Bloque Nacionalista Galego votará en contra da proposta para ampliar até o 5 de xaneiro o prazo para a aprobación provisional da Revisión do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) do Concello de Vigo, coa que o Goberno municipal pretende alargar a vixencia do Instrumento de Ordenación Provisional (IOP), e que someterá a ditame no Pleno ordinario do vindeiro luns 25 de setembro.ç

Así o vén de anunciar o Portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, que argumentou a posición das nacionalistas con base as advertencias recollidas no informe elaborado polo Secretario Xeral do Pleno nas que se se sinala que esa ampliación permitirá a partir do 16 de outubro “outorgar licenzas ao amparo deste instrumento de planificación, unhas licenzas cuxa ordenación urbanística non coincidirá -polo xeral- coa inicialmente aprobada no PXOM de revisión (quizás tampouco coa que provisionalmente se aprobe), circunstancia anómala que o Pleno, considerando o interese público en xogo e os fins do PXOM en revisión, debe valorar ao fin de considerar a conveniencia de deixar, ou non, sen efecto o IOP”. Nese informe o máximo funcionario municipal acrecenta a advertencia apuntando, de maneira expresa, que  “a incidencia da ordenación discordante (PXOU de 1993) pode ter consecuencias máis leves que a discordancia do IOP”.

“O BNG non imos colaborar cunha manobra [en alusión á ampliación proposta] que se basea nunha interpretación normativa moi arriscada e que para alén de someter a tramitación que resta do novo Plan Xeral a unha evidente inseguridade xurídica o que vai provocar é que se poidan dar licenzas que co novo PXOM non serán legais”, explicou Igrexas, que lembrou a importancia de que o novo Plan Xeral se tramite con “estrito cumprimento da lei” para evitar situacións como as que provocaron a anulación do PXOM de 2008.

Neste sentido, o portavoz municipal nacionalista denuncia que as preto de 100 licenzas que fican paralizadas até o momento pola suspensión automática, que mandata a Lei do Solo de Galiza e que o Goberno local tentou non respeitar, atinxen nalgúns casos a ámbitos rústicos de especial protección e mesmo a parcelas en primeira liña de litoral. “É claro que o único que busca con esta ampliación o Goberno de Abel Caballero é darlle saída a toda presa a licenzas que co novo PXOM non poderán outorgarse, nun novo exemplo indecente de urbanismo á carta. O alcalde debera explicarlle á cidadanía a que intereses responde este xogo perigoso, desde logo non é ao interese público da cidade”.

Opacidade

Desde a fronte nacionalista denuncian tamén a opacidade que envolve esta “ampliación extraordinaria” como acredita o feito de que o Goberno municipal volvese vulnerar os dereitos fundamentais do Grupo municipal do BNG ao non ter facilitado, como se lle solicitou o 13 de setembro, acceso a todas as licenzas urbanísticas que non foron tramitadas en aplicación da suspensión automática de licenzas e de todos os informes emitidos pola Secretaría Xeral sobre as mesmas. “Deben ter moito que ocultar”, criticou Igrexas.

O BNG de Vigo oporase á ampliación de prazo para a aprobación provisional do novo PXOM