O BNG de Vigo propón un ‘Plan Cidade’ con 50 millóns de euros para poñer fin ao abandono dos barrios e parroquias
A fronte nacionalista trasladará unha moción ao Pleno de setembro con 7 medidas para que se atendan as necesidades de toda a cidade e promover a participación cidadá
Xabier P. Igrexas: “Mentres se suceden os anuncios de proxectos millonarios no centro, a resposta que reciben as demandas veciñais é a indiferenza ou, no peor dos casos, a represión”
O Bloque Nacionalista Galego propón un ‘Plan Cidade’ dotado con mínimo 50 millóns de euros para poñer fin ao abandono dos barrios e parroquias de Vigo. Esta é unha das 7 medidas que a fronte nacionalista trasladará ao Pleno municipal de setembro, previsto para o vindeiro luns, nunha moción que ten por obxectivo que se atendan as necesidades de toda a cidade e promover a participación veciñal na toma de decisións.
“Este abandono é especialmente inxusto e inxustificábel tendo en conta que non ten causa na falla de recursos do Concello”, cuestionou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que lembrou como nos últimos catros anos o Goberno de Abel Caballero deixou sen executar 436 millóns de euros dos orzamentos municipais, dos cales no pasado 2022 acadaron os 152 millóns sen gastar.
“Vigo non acaba no seu centro, Vigo son os seus barrios e parroquias”
Igrexas contrapuxo a xestión centrada na “propaganda e no autobombo” do Goberno local coa “desatención continua das necesidades reais” das viguesas e vigueses. “Mentres se anuncian proxectos millonarios, con visitas semanais ao HALO, vemos como un muro pode estar caído máis de tres anos impedindo o tránsito no Freixeiro”, exemplificou, ou “cando hai avenidas céntricas que xa suman varias humanizacións nos últimos anos, son moitos os camiños e viais nos que o Concello non investiu un euro desde hai décadas”.
O portavoz nacionalista asegurou que esta moción recolle o crecente malestar veciñal, cuxas demandas reciben por resposta a “indiferenza ou, no peor dos casos, a represión” en forma de violencia administrativa e institucional contra aquelas asociacións e entidades que denuncian publicamente as problemáticas dos seus barrios e reivindican melloras.
‘Plan Cidade’ e Consellos Veciñais
Entre as propostas do BNG, Igrexas destacou a posta en marcha dun ‘Plan Cidade’, un programa de investimentos para os vindeiros tres exercicios, financiado con como mínimo 50 millóns de euros con cargo aos remanentes municipais, que conte coa participación directa do movemento veciñal na súa definición.
Ademais, o Bloque propón crear Consellos Veciñais de Barrio e Parroquia, espazos que permitan descentralizar a xestión e a toma de decisións do Concello, en particular dos investimentos necesarios en cada barrio e parroquia. Nesa mesma liña, Igrexas reiterou a necesidade de que Vigo conte cun sistema de orzamentos participativos como medida para rematar cos numerosos déficits dotacionais e de servizos.
Brigadas municipais de mantemento
Dende a fronte nacionalista demandaron tamén a creación de brigadas municipais que permitan unha atención “áxil” das necesidades de mantemento que presentan numerosos espazos públicos. Unha iniciativa que persegue tamén un mellor control das empresas concesionarias e contratas municipais.
De cara a atender as demandas veciñais, o portavoz do BNG defendeu a necesidade de activar a Comisión Especial de Queixas e Suxestións do Concello, con participación permanente das entidades que constitúen o Consello Social da Cidade, para realizar facer un seguimento mensual das actuacións dos diferentes servizos municipais.
Implementar un visor económico é outra das medidas propostas polo Bloque para mellorar a transparencia. Un visor que, explicou Igrexas, debe recoller o grao de execución do orzamento en cada apartado así como unha desagregación dos investimentos que se acometen en cada barrio e parroquia.
Normalizar a relación co movemento veciñal
Fronte ás represalias que sofren as entidades que discrepan coa xestión municipal, o BNG urxiu a normalización da relación institucional do Goberno de Abel Caballero con todas as entidades do movemento veciñal da cidade, garantindo canles fluídas de colaboración para escoitar e atender as demandas e reivindicacións das entidades e colectivos da cidade.