O BNG de Vigo demanda participación directa das entidades no deseño do Centro de Asociacionismo
A fronte nacionalista pide que sexa “un espazo das asociacións e non só para as asociacións” e conte con servizos para non reducilo a un “estético contedor sen contido”
Xabier P. Igrexas: “A Xunta non pode deseñar un Centro de Asociacionismo desde os despachos sen contar co propio tecido asociativo”
O Bloque Nacionalista Galego demanda a participación directa das entidades no deseño do Centro de Asociacionismo anunciado pola Xunta de Galiza nos antigos xulgados de Vigo. A fronte nacionalista pide que sexa “un espazo das asociacións e non só para as asociacións” e que conte con servizos para que non quede reducido a un “estético contedor sen contido”.
“O BNG queremos poñer o foco na orientación deste centro que non pode ser só unha vistosa infografía”, subliñou o concelleiro e candidato nacionalista á Alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, após a confirmación de que o deseño arquitectónico será realizado por Alfonso Penela, tras máis dun ano de anuncios “intermitentes” por parte do Goberno galego.
Igrexas reclamou así que as asociacións e as entidades de Vigo teñan voz e poder de decisión de cara ao deseño tanto dos espazos como das prestacións e servizos desta infraestrutura. “Non se pode deseñar un Centro de Asociacionismo desde os despachos sen contar co propio tecido asociativo”, advertiu.
Un espazo que aposte por un modelo de autoxestión, contando coas propias asociacións como parte da dirección do Centro
O candidato do BNG trasladou algunhas propostas concretas, froito de diferentes encontros mantidos pola fronte nacionalista con asociacións veciñais, culturais, deportivas, ANPAs, entre outras, na que recolleron as súas necesidades e demandas.
Servizos para apoiar ás asociacións
Desde o Bloque demandaron tamén que poñan en marcha servizos para “apoiar e potenciar” a actividades das asociacións, como servizos de apoio técnico e de xestión administrativa, de captación de financiamento e subvencións, de asesoramento legal, comunicación e de reprografía. Sobre os espazos deste Centro, chamou a orientar o deseño cara a funcionalidade. “Non só queremos espazos arquitectonicamente bonitos nin unha colmea de despachos, senón espazos útiles para a actividade das asociacións”, insistiu Igrexas.
Nese sentido, o edil nacionalista pediu que se dote de salas polivalentes, un centro de documentación e dependencias para almacenaxe, ademais dos locais para as entidades e do anunciado auditorio. E na mesma liña demandou que se habilite un espazo para a realización de actividades ao aire libre na contorna exterior do Centro.
“O BNG non queremos que o proxecto do Centro de Asociacionismo de Vigo quede reducido a un anuncio ou a unha promesa a poucos días das eleccións municipais”, remachou o portavoz municipal do Bloque, que asegurou que a “única garantía” para iso é que “deixe de ser un anuncio da Delegada da Xunta e candidata do PP e pase a ser un proxecto do propio tecido asociativo da nosa cidade”.