O BNG de Vigo pide ao Goberno municipal que atenda o mandato do Consello Escolar Municipal para manter a Escola Infantil Municipal Santa Marta no Casco Vello
O Consello Escolar Municipal aprobou onte unha moción rexeitando de maneira rotunda o traslado do centro e pedindo o seu mantemento até a apertura da nova escola no Barrio do Cura.
O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, demanda que o Goberno local poña fin á “permanente improvisación e a irresponsabilidade” coa que está a xestionar o futuro da única escola infantil pública do centro da cidade.
O Bloque Nacionalista Galego vén de volver instar o Goberno municipal a rectificar a súa política de “continuada chapuza” en relación ao futuro da Escola Infantil Municipal Santa Marta, do Casco Vello. A fronte nacionalista demanda ao concelleiro de Educación, Gorka Gómez, que poña fin á “permanente improvisación e a irresponsabilidade” coa que está a xestionar o asunto e que atenda o mandato do Consello Escolar Municipal, que no día de onte aprobou unha moción rexeitando o traslado do centro e reclamando a continuidade do mesmo nas súas actuais instalacións até contar cunha nova escola no ámbito do Barrio do Cura.
O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, criticou as decisións adoptadas polo Goberno local en relación á apertura da matrícula na EIM Santa Marta, coa que unicamente permite a incorporación de novo alunado no grupo de 0 a 1 anos de idade. Aliás, alertou da “incerteza” á que se pretende condenar as familias dado que nas normas de admisión se recolle a posibilidade de que o alunado se traslade co curso xa iniciado á outras escolas municipais da cidade. “Falamos de crianzas de 0 a 3 anos e o Goberno de Abel Caballero pretende que se non se poden trasladar á nova escola ‘fantasma’ que promete no IME poidan acabar desperdigadas/os en calquera outra escola infantil da cidade”, denunciou.
Igrexas lembra ademais que a pretensión do alcalde de instalar unha escola infantil municipal nas dependencias do IME non conta nin con partida orzamentaria, nin con proxecto, nin tampouco se ten iniciado a licitación para contratar as obras necesarias.
Moción do CEMV
O portavoz municipal nacionalista chamou ao Goberno local a rectificar e atender a posición da comunidade educativa que vén de expresarse de maneira “rotunda” en contra do traslado da EIM Santa Marta, a través dunha moción aprobada no día de onte polo Consello Escolar Municipal (CEMV).
“O Consello Escolar Municipal, que é a expresión da comunidade educativa de Vigo e o máximo organismo de participación e asesoramento do Concello en políticas educativas, vén de dicir alto e claro que ‘así non’”, valorou o edil, que reclamou ao concelleiro de Educación, Gorka Gómez, a poñer fin á “permanente improvisación e irresponsabilidade” coa que está a xestionar esta cuestión desde hai semanas.
Igrexas subliñou a importancia de que o CEMV na moción aprobada teña expresado ademais o seu desacordo cos “falsos argumentos” dados polo Goberno local para xustificar o traslado e feche de Santa Marta, lembrando que arestora inda non está aprobada a modificación puntual do PXOU para o Barrio do Cura e non hai nin tan sequera unha previsión temporal para o eventual inicio das obras que polo momento non contan con licenza.
A moción, proposta pola Comisión de Infraestruturas e Planificación educativa do propio CEMV e aprobada polo seu Pleno, recolle expresamente mandatar o Goberno local a “manter a EEI Santa Marta-Casco Vello no seu actual emprazamento entanto non se constrúa a escola prevista no Barrio do Cura, evitando a reubicación do alunado, e garantindo a continuidade dos servizos educativos, tanto da Escola Infantil como do Centro de Formación e Recrusos”.
A este respeito, Igrexas recorda que en 2019 a anterior concelleira de Educación e hoxe deputada do PSOE no Congreso, Olga Alonso, comprometeuse coas familias e traballadoras da escola a que non se efectuaría ningún traslado até dispoñeren do novo centro previsto no convenio urbanístico do Barrio do Cura. “O que lle pide a comunidade educativa de Vigo ao Goberno municipal do PSOE é que cumpra coa palabra dada, inda que sexa por unha vez”, remachou.