CORONAVIRUS
O BNG de Vigo propón destinar os remanentes a atender as necesidades reais da cidade e non a grandes inauguracións
Propoñen dedicar 23,5 millóns de euros a axudas directas ao comercio, hostalaría, industria cultural e o tecido asociativo, aumentar substancialmente os recursos do Plan Municipal de Emprego e despregar un plan de actuacións e melloras en todos os barrios.
Xabier P. Igrexas: “Vigo non pode seguir sendo a única das sete grandes cidades galegas que non ten mobilizado nin un só euro para axudar o pequeno comercio ou a hostalaría”.
O Bloque Nacionalista Galego defenderá no Pleno do Concello de Vigo, do vindeiro mércores 31 de marzo, unha alternativa á proposta de uso dos remanentes municipais promovida polo grupo de Goberno. A fronte nacionalista eleva a 23,5 millóns a mobilización de recursos extraordinarios, fronte aos pouco máis de millóns 13 da proposta do Goberno municipal, e defende destinalos a atender as necesidades reais derivadas dos efectos sociais, laborais e produtivos da crise da Covid19 así como a poñer fin ao abandono dos barrios e parroquias.
O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, explicou publicamente esta mañá á proposta alternativa para o uso de remanentes que as nacionalistas promoverán a través dun voto particular despois de que o Goberno municipal rexeitase todas as emendas formuladas desde a oposición. A proposta do Bloque eleva a 23 millóns e medio de euros a mobilización extraordinaria de recursos económicos, fronte aos pouco máis de 13 millóns que pretende incorporar o Goberno. Parte destes fondos provirán da supresión que as nacionalistas propoñen da partida destinada a subvencións para aeroliñas, de preto de 3 millóns.
Igrexas defende que o uso destes recursos ten que "priorizar a atención das necesidades reais da cidade fronte as grandes inauguracións como o ascensor de 'Star Trek' en García Barbón, aos que pretende destinalos o PSOE". Neste sentido, a proposta alternativa das nacionalistas inclúe destinar 10 millóns de euros a un programa de axudas directas ao tecido comercial e PEMEs, para "evitar que Vigo continúe a ser a única das sete grandes cidades galegas que non ten mobilizado nin un só euro para axudar o pequeno comercio ou a hostalaría". Cun obxectivo semellante inclúen tamén un programa de axudas extraordinarias á industrial cultural da cidade, cunha dotación de 2,5 millóns de euros, ou un programa de apoio ao tecido asociativo dotado con 1 millón e medio.
O portavoz municipal nacionalista chamou a redobrar esforzos para atender a principal necesidade e preocupación das viguesas e os vigueses como é o emprego. "Hoxe en Vigo temos máis de 24 mil persoas en paro, moitas centenas en ERTE e só no último ano destruíronse 2500 empregos na industria. Temos que reforzar e redimensionar as políticas de emprego", defendeu. Con esta finalidade propoñen que se incremente a partida orzamentaria destinada ao Plan Municipal de Emprego con 2,5 millóns de euros máis.
Por último, a fronte nacionalista avoga por poñer fin ao "total abandono" que padecen os barrios e parroquias da cidade, impulsando un "plan de melloras e actuacións" en todos eles mobilizando 7 millóns de euros. "Non podemos seguir concentrando o investimento en grandes actuacións na zona centro mentres os barrios continúan coas súas necesidades sen atender", reclaman.