O BNG de Vigo pide explicacións a Caballero por deixar a cidade este domingo con só 5 bombeiros
A fronte nacionalista considera “gravísimo” que se poña en risco a seguridade da cidade deixándoa cunha cuarta parte do operativo mínimo cifrado polo propio Concello.
Xabier P. Igrexas: “O que ten que facer o alcalde é deixarse de tanto paseo fotográfico pola cidade e atender o verdadeiramente importante. Non poden seguir xogando coa seguridade das viguesas e dos vigueses”
O Bloque Nacionalista Galego considera “gravísimo” que este domingo a cidade de Vigo tivese un dos seus parques de bombeiros fechado e só estivesen operativos cinco efectivos. Demandan que o Goberno municipal dea explicacións e actúe de inmediato para garantir a capacidade operativa do servizo.
O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, xulga “inaceptábel” a situación vivida este domingo, cando se fechou o parque provisional de bombeiros de Coruxo e o servizo contaba con apenas cinco efectivos en activo. “Cinco bombeiros para unha cidade de trescentos mil habitantes. Falamos da cuarta parte do mínimo de efectivos fixado polo propio Concello de Vigo”, enfatizou.
Para Igrexas esta situación volveu “comprometer gravemente” a seguridade na cidade olívica. “Que tería sucedido se onte, domingo, se se tivesen producido varias incidencias que requirisen da intervención dos bombeiros? Con que tempos de resposta se ía poder actuar desde o parque de Teis diante de calquera emerxencia na metade da cidade asignada ao outro parque?”, inquiriu.
Desde a fronte nacionalista responsabilizan deste feito, que cualifican de “gravísimo”, á “absoluta neglixencia” na xestión do Goberno municipal e o seu desleixo diante das reiteradas denuncias por parte dos propios bombeiros, das organizacións sindicais ou do propio BNG en relación á situación límite que se vive no servizo.
Igrexas demanda explicacións ao Goberno de Abel Caballero e urxe solucións para evitar que situacións como a do domingo se volvan producir. “O que ten que facer o alcalde é deixarse de tanto paseo fotográfico pola cidade e atender o verdadeiramente importante. Non poden seguir xogando coa seguridade das viguesas e dos vigueses. É momento de tomar decisións, de resolver o problema a través do diálogo, para poder asegurar algo tan esencial como que a principal cidade de Galiza teña un servizo de bombeiros que garanta plenamente a súa seguridade”, esixiu.