O BNG de Vigo pide explicacións da actuación policial que abateu a disparos un xabarín en vía pública
A fronte nacionalista demanda que a concelleira de Seguridade, Elena Espinosa, dea conta do sucedido e explique con que medios e protocolos conta a policía local para enfrontar este tipo de situacións.
Xabier P. Igrexas: “É inexplicábel que a nosa cidade non teña máis medios de resposta que disparar contra un animal salvaxe”.
O BNG vén de pedir explicacións en relación ao operativo policial que na madrugada de onte se saldou co abatemento a disparos dun xabarín no barrio de Coia. O portavoz municipal do Bloque en Vigo, Xabier P. Igrexas, demandou que a concelleira de Seguridade, Elena Espinosa, lle facilite o atestado policial e explique a actuación dos efectivos que atenderon a presenza dun animal salvaxe en vía pública.
“Cómpre esclarecer e explicar en detalle as circunstancias que motivas que axentes da policía local teñan que accionar as súas armas regulamentarias e fagan disparos de munición letal en medio da vía pública”, demandou Igrexas, advertindo dos evidentes riscos que podía entrañar un posíbel desvío do tiro ou calquera outra incidencia que podería ter provocado outro tipo de danos.
Igrexas reclamou tamén que desde o Goberno municipal informen de que medios e que protocolos ten previstos para enfrontar situacións como a vivida en Coia. “Nunha cidade como Vigo que ten un parque zoolóxico e que para alén do seu casco urbano conta cun amplo cinto periurbano, de parroquias nas que é normal a presenza de fauna salvaxe, é inexplicábel que non se conte con máis medios que disparar contra o animal”, lamentou.
Desde a fronte nacionalista insisten en que o sucedido debe provocar un maior esforzo por parte do Goberno municipal para evitar que se repita. “O que demandamos é un compromiso a serio para que o Concello dispoña de todos os medios para evitar que estas situacións se volvan dar”, explican.