O BNG de Vigo propón constituír unha empresa municipal para xestionar o estacionamento da cidade

parking

Defenden a xestión pública dos aparcamentos soterrados de titularidade municipal e a remunicipalización da XER, para evitar novos “fiascos” como as concesións rescatadas de Coia e Jenaro de la Fuente.

Xabier P. Igrexas: “O modelo de concesión privada para xestionar aparcamentos demostrouse ineficiente e ruinoso para a cidade. É un modelo fracasado e do pasado que cómpre superar”.

O BNG de Vigo propón constituír unha empresa municipal para xestionar o estacionamento da cidade

O Bloque Nacionalista Galego propón que o Concello de Vigo se dote dunha empresa pública municipal desde a que xestionar o estacionamento da cidade. A fronte nacionalista defende a xestión pública para evitar novos “fiascos” como os dos aparcamentos de Coia e Jenaro de la Fuente polos que agora o Concello ten que aboar indemnizacións millonarias.

O concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, sostén que a indemnización por importe de 7,5 millóns de euros ás empresas que xestionaban eses dous aparcamentos soterrados, demostra que o “o modelo de concesión privada para xestionar aparcamentos demostrouse ineficiente e ruinoso para a cidade. É un modelo fracasado e do pasado que cómpre superar”.

A este respeito, Igrexas defendeu que “non abonda con laiarse das consecuencias deste modelo, senón en tomar decisións para evitar que estas situacións volvan producirse”. Con ese obxectivo propoñen a constitución dunha empresa municipal desde a que asumir a xestión integral do estacionamento da cidade, incluíndo tanto os aparcamentos soterrados como a XER.

“O alcalde cualificou onte de ‘fiasco’ situacións como a dos parkings de Coia e Jenaro de la Fuente e desde o BNG o que lle dicimos é que é momento de adoptar medidas audaces que poñan fin a este modelo ruinoso que só beneficia a grandes empresas, facendo que un servizo público se xestione desde o público”, remachou

O BNG de Vigo propón constituír unha empresa municipal para xestionar o estacionamento da cidade