CORONAVIRUS
O BNG de Vigo propón o uso de máscaras FFP2 en todos os servizos municipais
Xabier P. Igrexas: "Diante da situación pandémica na área sanitaria e, singularmente na cidade de Vigo, cunha taxa de incidencia acumulada por acima de 450, cómpre alargar e reforzar as medidas preventivas para frearmos a trasmisión do coronavirus"
Inda non recibiron contestación do alcalde á solicitude dunha xuntanza urxente e ampliada do Comité de Seguimento Municipal da Covid19.
O Bloque Nacionalista Galego trasladou ao Comité de Seguimento Municipal da Covid 19 a proposta de que o Concello de Vigo faga obrigatoria a utilización de máscaras FFP2 polo persoal de todos os servizos municipais, incluíndo as empresas concesionarias e contratas. A fronte nacionalista urxe a despregar esta medida, garantindo a distribución deste material, en ámbitos como o bus urbano ou o servizo de axuda no fogar pola súa exposición ao público.
"Diante da situación pandémica na área sanitaria e, singularmente na cidade de Vigo, cunha taxa de incidencia acumulada por acima de 450, cómpre alargar e reforzar as medidas preventivas para frearmos a trasmisión do coronavirus", argumentou o concelleiro do BNG na cidade olívica, Xabier P. Igrexas.
Igrexas subliña que son crecentes as voces científicas e sanitarias que apostan por xeneralizar a utilización de máscaras de protección FFP2, en troca das máscaras cirúrxicas ou hixiénicas, por teren acreditada unha maior eficacia na contención do virus.
O portavoz municipal nacionalista detalla no seu escrito que nos diferentes servizos municipais, tanto os xestionados de maneira directa, como aqueles operados por empresas privadas en réxime de contrata, concesión ou adxudicación, existe un número importante de postos con atención directa ao público e mesmo con contactos estreitos, derivados da propia natureza dos servizos. É o caso do persoal condutor do servizo de transporte urbano de pasaxeiros ou as traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar.
De aí que a fronte nacionalista inste a que se indique a "obrigatoriedade do uso de máscaras FFP2 en todos os servizos municipais, a principiar por aqueles que teñen atención/contacto presencial, e adopte as medidas precisas para garantir o subministro das mesmas ao persoal, tanto municipal como contratado pola correspondente empresa".
Sen resposta do alcalde
O BNG continúa a agardar a resposta do alcalde ao escrito que lle dirixiron o pasado venres 22 demandando a convocatoria urxente e ampliada dun Comité de Seguimento coa participación de todas as forzas políticas do Pleno. Un silencio que consideran "irresponsábel". "Agora é o momento de sumar esforzos e o Bloque seguimos tendendo a man para cooperar no despregamento de novas medidas que protexan a saúde e a vida das persoas. Agardamos que o alcalde convoque esa xuntanza porque o contrario sería incomprensíbel", afirmou Igrexas.