O BNG de Vigo reclama a dinamización e posta en valor do Arquivo Pacheco
A fronte nacionalista formulará esta cuestión na vindeira Comisión Informativa de Cultura do Concello.
Denuncian que o Goberno municipal non executou, no que vai de ano, un só euro da partida de 40 mil orzamentada para a dinamización do fondo.
O Bloque Nacionalista Galego levará á vindeira Comisión Informativa de Cultura do Concello de Vigo a situación do Arquivo Pacheco. O concelleiro, Xabier P. Igrexas, explicou que interpelarán o Goberno local para coñecer en que situación está a dixitalización dos fondos, a conservación dos orixinais e os motivos polos que non se ten executado nin un só euro no que vai de ano da partida orzamentaria para a dinamización do arquivo.
O arquivo, propiedade municipal, conta con 140 mil imaxes desde finais do século XIX até a década dos 70 do século XX, o que o configura, segundo apunta Igrexas, nunha “verdadeira xoia artística e un dos principais valores da memoria recente da Historia da cidade e de Galiza”. Neste momento o arquivo só conta cun punto de consulta no baixo da Casa das Artes, onde só hai varios ordenadores para visualización dos fondos dixitalizados, pero sen ningún tipo de dinamización ou actividade guiada e explicativa. Aliás, a fronte nacionalista lamenta que xa teña transcorrido bastante tempo desde a última exposición pública dos fondos.
Emporiso, Igrexas denunciou o “total abandono que o Goberno municipal practica desde hai anos co Arquivo Pacheco e que exemplifica a política de desertización cultural que padece a cidade”. Neste sentido, o portavoz municipal nacionalista apuntou que os datos da execución orzamentaria do primeiro semestre do 2020 visan que o Concello “non executou, nin comprometeu, nin un só euro, dos 40 mil consignados, na partida destinada á dinamización do arquivo”, como xa sucedera no exercicio anterior. “O Goberno de Abel Caballero destina cero euros a este valioso fondo fotográfico”, resumiu.
Unha situación que se engade á decisión do executivo local de renunciar á posta en marcha do Centro Galego de Fotografía na nosa cidade, que estaba proxectado para albergar, entre outros, os fondos do Arquivo Pacheco, para destinar as súas dependencias no Casco Vello a ser agora a sede administrativa da Deputación de Pontevedra.
Igrexas subliñou que para o BNG “a cultura é un ben de primeira necesidade” e remarcou a súa aposta por “democratizar o acceso social a todas as manifestacións culturais, como a fotografía, para llas achegar ás clases populares e traballadoras”.