O BNG de Vigo reclama que o Goberno municipal interveña no conflito laboral en Vitrasa e deixe de esconderse

Concentración do persoal de Vitrasa en folga diante do Concello de Vigo
Concentración do persoal de Vitrasa en folga diante do Concello de Vigo

A fronte nacionalista chama a convocar de forma inmediata unha xuntaza entre o comité e a dirección da concesionaria de bus urbano para abordar unha saída acordada da folga.

Xabier P. Igrexas: “O goberno de Caballero ten que dicir basta diante dos numerosos incumprimentos que consentiu a Vitrasa e deixar de virar as costas ao persoal do servizo de bus urbano”.

O BNG de Vigo reclama que o Goberno municipal interveña no conflito laboral en Vitrasa e deixe de esconderse

O Bloque Nacionalista Galego vén de reclamar este luns que o Goberno municipal de Vigo deixe de esconderse e interveña para solucionar o conflito laboral en Vitrasa. A fronte nacionalista critica a complicidade do goberno de Abel Caballero coa empresa e solicita a convocatoria dunha reunión entre a representación sindical e a dirección da concesionaria de bus urbano.

“É momento de pasar á acción: esiximos de maneira expresa que ben a Alcaldía ou o concelleiro de Contratación, Javier Pardo, procedan de inmediato a convocar unha xuntaza para abordar unha saída acordada da folga que, en opinión do BNG, só pode pasar por atender as xustas e razoábeis reivindicacións do persoal”, valorou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas.

O concelleiro nacionalista denunciou a “complicidade” do Goberno municipal coa dirección da empresa concesionaria mentres decide “virar as costas ao persoal e aos intereses xerais” da cidade. Cualificou como “inaceptábel e intolerábel” que a única resposta de Abel Caballero sexa “esconderse covardemente para evitar dialogar co persoal”.
 

Así, o BNG instou ao goberno de Vigo a poñer fin aos “numerosos incumprimentos que até o momento consentiu a Vitrasa” e urxiu a “resolver un conflito que ameaza con se tornar agora en folga indefinida”.
O BNG de Vigo reclama que o Goberno municipal interveña no conflito laboral en Vitrasa e deixe de esconderse