O BNG de Vigo reprocha a Caballero que trate como escombros de obra os restos do pasadizo dos Canos

[Imaxe: @VigoBlog]
[Imaxe: @VigoBlog]

A fronte nacionalista denuncia a retirada “brutal” cunha retroescavadora dos achados arqueolóxicos na Porta do Sol e demandan explicacións tanto ao Goberno municipal como á Xunta de Galiza pola súa “inacción cómplice”.

Piden que se aclare por que non se atenderon as indicacións recollidas nun informe da arqueóloga municipal e que se expliquen os motivos para rexeitar a conservación “in situ” que recomendan persoas expertas.

Xabier P. Igrexas: “As presas interesadas por acelerar a inauguración da praza en superficie da Porta do Sol non son motivo para reducir a escombros unha parte da historia da nosa cidade”

O BNG de Vigo reprocha a Caballero que trate como escombros de obra os restos do pasadizo dos Canos

O Bloque Nacionalista Galego vén de expresar o seu rexeitamento á maneira na que se están a tratar os restos arqueolóxicos do pasadizo dos Canos, na Porta do Sol, e esixe ao Goberno municipal explicacións ao tempo que denuncia a inacción da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta.

Diante das imaxes “brutais” que se están a ver nos últimos días cunha retroexcavadora retirando de xeito violento os restos do pasadizo dos Canos, situados por debaixo da Porta do Sol, o concelleiro do  BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, interpelou onte ao Goberno local na Comisión Informativa de Patrimonio demandando explicacións sobre esas actuacións así como de que ten previsto facer o Concello cos elementos que se están a retirar.

Igrexas subliñou a importancia arqueolóxica, histórica e urbanística deste pasadizo que non está na actualidade suficientemente documentado e da que se descoñece en grande medida as súas orixes e función. “Abel Caballero ten que explicar se o único que vai facer é destruír esta importante pegada da historia da cidade”, reclamou.

Desde a fronte nacionalista cuestionan as decisións que se están a adoptar por parte do Goberno local apuntando a existencia dun informe elaborado pola arqueóloga do Concello de Vigo, e que fai parte do expediente municipal, no que se sinalaba de maneira expresa que era necesario acometer un rexistro detallado do estado interior do pasadizo para poder tomar decisións. Neste sentido, o informe municipal non coincide co informe externo, filtrado hai varias semanas polo propio Concello para tentar xustificar a continuidade das obras, na valoración que se fai deste achado. O informe valorativo, encargado a un gabinete privado, non incluía nin fotografías nin planos de sección, así como outros elementos necesarios para unha análise rigorosa que permitise adoptar a decisión máis adecuada.

Diante do silencio do Goberno municipal, o BNG anunciou que van solicitar formalmente á Concellaría de Patrimonio Histórico que aclare porque non se atenderon as indicacións da propia arqueóloga municipal en relación ao pasadizo dos Canos. Demandarán tamén explicacións a respeito de por que motivo se rexeitou a opción, apuntada por voces expertas como a máis adecuada, de acometer unha “conservación in situ”, e que só suporía unha modificación parcial do proxecto construtivo do túnel.

O portavoz municipal nacionalista dirixiu unha mensaxe directa ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, afirmando que “non todo vale, as presas interesadas por acelerar a inauguración da praza en superficie da Porta do Sol non son motivo para reducir a escombros unha parte da historia da nosa cidade”.

Inacción cómplice da Xunta

Igrexas criticou tamén a “inacción cómplice” da Xunta de Galiza. “A día de hoxe inda non coñecemos o informe valorativo da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural que xustifique a autorización da continuidade das obras”, denunciou anunciando que o Bloque volverá demandar explicacións como xa fixeron a través dunha recente iniciativa no Parlamento galego, formulada pola deputada Alexandra  Fernández.

“A Xunta ten que dar conta de como está a exercer as súas competencias para garantir a debida protección do patrimonio histórico nas obras do túnel da Porta do Sol”, reclaman.

O BNG de Vigo reprocha a Caballero que trate como escombros de obra os restos do pasadizo dos Canos