O BNG de Vigo pide que o Concello realice unha auditoría integral do servizo de bus urbano
A fronte nacionalista cualifica de “inaceptábel” a pretensión da concesionaria Vitrasa de aplicar unha rebaixa de preto do 40% dos salarios do persoal e aumentarlles a xornada laboral alegando unhas supostas perdas millonarias. Critican, ademais, a redución de servizos que se traduce na actualidade en 72 frecuencias de bus menos cada día.
Xabier P. Igrexas: “Non podemos permitir que nun servizo municipal a empresa concesionaria, que recibe cada ano 12 millóns de euros de subvención do Concello, pretenda empobrecer de maneira brutal os salarios do seu persoal”
O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, expresou o rexeitamento “frontal e total” desta medida. “Falamos un servizo municipal, que está xestionado por unha empresa concesionaria en réxime de monopolio, e que o pasado ano recibiu, ademais da recadación de billetes, case 12 millóns de euros de subvención directa do Concello de Vigo en compensación, fundamentalmente, da bonificacións da Pass Vigo. E nos orzamentos municipais para este ano están aprovisionados outros 12 millóns 800 mil euros”, explicou, apuntando que esas transferencias de diñeiro público equivalen practicamente á metade do custo de explotación do servizo.
Igrexas denunciou a demais que Vitrasa, de maneira reiterada e coa complicidade do Goberno municipal de Abel Caballero, ten aplicado importantes recortes nos servizos que presta. “Neste momento, eses recortes significan un total de 72 frecuencias menos cada día, afectando mesmo a liñas moi importantes como o C3, 4A, 4C, 5A e 5B o que se traduce nun inda máis insuficiente servizo para a veciñanza de Vigo”,afirmou.
A escusa de Vitrasa para aplicar o descolgue salarial anunciado, que afecta de maneira directa e brutal ao seu persoal e de maneira indirecta ao conxunto da cidadanía, son unhas presuntas perdas económicas millonarias, a pesar de non ter inda formalizadas as contas anuais de 2021.
Dúbidas de enxeñería contábel
Diante desta situación, o BNG solicitou na Comisión Informativa de Contratación, que se realice unha auditoría integral do servizo de autobús urbano por parte do Concello de Vigo para aclarar a situación económico-financeira real da concesión, así como que se exerzan todas as accións administrativas e legais por parte do Goberno municipal para evitar este aberrante descolgue salarial.
“Queremos saber ademais, se Vitrasa estivo transferindo cantidades, como préstamos o outros conceptos, a outras empresas do Grupo Avanza, ou se está facendo enxeñería contábel, anticipando as amortizacións, para crear artificialmente esas perdas”, detallou o portavoz municipal nacionalista.
“Non podemos permitir que nun servizo municipal, financiado ademais nunha parte moi importante con recursos do propio Concello, a empresa concesionaria pretenda empobrecer nun 40% os salarios do seu persoal”, remachou Igrexas que esixiu ao alcalde, Abel Caballero, que deixe de aliñarse con complicidade coa empresa e defenda os intereses xerais da cidade.