O BNG de Vigo responsabiliza a Xunta da saturación nas Urxencias polos recortes nos centros de saúde

Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo
Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo

Urxe mobilizar recursos e persoal na Atención Primaria diante do “perigoso colapso” que rexistra o Hospital Álvaro Cunqueiro, con picos de 600 pacientes nunha xornada

Xabier P. Igrexas: “Os centros de saúde están sobrecargados por falla de persoal e substitucións, o que deriva no colapso do PAC e acaba por saturar as Urxencias”

O BNG de Vigo responsabiliza a Xunta da saturación nas Urxencias polos recortes nos centros de saúde

O Bloque Nacionalista Galego responsabiliza á Xunta de Galiza da saturación que se está rexistrando nos últimos días nas Urxencias do Hospital Álvaro Cunqueiro (HAC) de Vigo, con picos de 600 pacientes nunha xornada e sobrecargas dun 45% en relación ao ano pasado. A fronte nacionalista considera que esta situación é unha consecuencia directa da “política de estrangulamento” do Goberno galego do PP contra a Atención Primaria.

“Os centros de saúde están sobrecargados por falla de persoal e substitucións, o que deriva no colapso do Punto de Atención Continuada (PAC) e acaba por saturar as Urxencias hospitalarias”, denunciou o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, chamando a “rachar con esta cadea fatal” que pon en risco a saúde da veciñanza.

Dende o Bloque urxiron máis unha vez á Consellaría de Sanidade e ao Sergas a actuar de inmediato para reforzar os centros de saúde co persoal e recursos necesarios. Como exemplo, sinalaron como no último pico rexistrado no HAC, o pasado luns, unha de cada tres persoas que acudiron a Urxencias foran derivadas dende Atención Primaria.

Fronte a esta situación, o portavoz nacionalista defendeu o dereito das viguesas e vigueses a recibir atención sanitaria “todos os días do ano, tamén durante o verán”, en referencia aos recortes anunciados un ano máis en numerosos centros de saúde da cidade durante o período estival.

Lembrou nese sentido que existe unha instrución, recoñecida pola propia Xerencia da Área Sanitaria de Vigo, para derivar as urxencias e atencións domiciliarias de varios centros de saúde como Beiramar ou Pintor Colmeiro cara o PAC, provocando a sobrecarga deste centro que, a xuízo do Bloque, conta xa con medios “insuficientes”.

O BNG censurou a ese respecto as declaracións da Dirección da Área Sanitaria acusando á poboación de saturar as Urxencias por acudir con doenzas “banais” que corresponden aos centros de saúde. “Non podemos seguir permitindo que a nefasta política de recortes e privatizacións do PP continúe a poñer poña en xaque o propio sistema sanitario, nin que sigan xogando coa saúde de todas e todos”, reivindicou Igrexas.

O BNG de Vigo responsabiliza a Xunta da saturación nas Urxencias polos recortes nos centros de saúde