O BNG de Vigo chama a restrinxir os pisos turísticos por agravar os problemas de acceso á vivenda
A fronte nacionalista propón declarar Vigo como cidade saturada, a imposición dunha taxa municipal e a realización de inspeccións para aflorar os pisos non rexistrados co obxectivo de “poñer couto a este fenómeno especulativo que encarece os prezos do alugueiro”
Xabier P. Igrexas: “Hai que poñer freo a esta situación alarmante de que a cidade teña hoxe o dobre de pisos turísticos que de vivendas dispoñíbeis para alugueiro residencial”
O Bloque Nacionalista Galego chama a restrinxir os pisos turísticos en Vigo, cuxo aumento está a agravar os problemas de acceso á vivenda na cidade. A fronte nacionalista vén de propoñer unha nova ordenanza municipal que declare Vigo como cidade saturada, impoñendo unha moratoria de cinco anos, creando unha taxa municipal que castigue este “fenómeno especulativo” e realizando inspeccións para aflorar os pisos que operan sen rexistro nin licenza.
O concelleiro e candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, cualificou de “alarmantes e da máxima gravidade” os últimos datos inmobiliarios da cidade que apuntan a un novo incremento dos pisos turísticos, superando xa o millar na cidade e duplicando o número de vivendas dispoñíbeis na actualidade para alugueiro residencial.
O edil nacionalista sinalou esta actividade como un dos factores detrás do encarecemento da vivenda en Vigo, a cidade máis cara de Galiza. Así, a última alza nos prezos do alugueiro, dun 5%, súmase a un aumento acumulado dun 40% en cinco anos.
Unha situación “insoportábel” na que, advertiu o candidato do BNG de Vigo, unha de cada cinco vivendas dispoñíbeis ten xa un prezo mensual superior ao Salario Mínimo Interprofesional
“Urximos novamente ao goberno de Abel Caballero a actuar con determinación para poñerlle couto a este fenómeno, onde uns poucos fan un lucrativo negocio a golpe de expulsar a millares de familias traballadoras da nosa cidade que non se poden permitir, literalmente, o luxo de vivir en Vigo”, denunciou Igrexas.
As propostas do BNG
Fronte a este contexto, o candidato do BNG trasladou varias propostas ao Goberno municipal, entre elas a elaboración dunha nova ordenanza municipal co obxectivo de restrinxir a proliferación desta actividade. Propuxo nese sentido declarar Vigo como cidade saturada, impoñendo unha moratoria de 5 anos que impida a apertura de novos pisos turísticos até que se “normalicen” os prezos das vivendas en alugueiro.
Ademais, pediu a creación dunha taxa municipal que “castigue economicamente este negocio especulativo”, así como a realización de inspeccións por parte da Xerencia Municipal de Urbanismo para aflorar a “economía sumerxida” de moitos pisos turísticos que non figuran rexistrados nin contan con licenza para operar.