O BNG de Vigo rexeita que Caballero “agasalle” a Povisa coa da Medalla da Cidade

Critican que o alcalde insista no “sectarismo autoritario” que degrada as condecoracións da cidade ao anunciar unilateralmente unha concesión que só pode ser acordada polo Pleno

Xabier P. Igrexas: “Exactamente que é o que quere premiar Caballero? Que se faga negocio coa saúde das viguesas e vigueses? Que as políticas de privatización da Xunta do PP obriguen a 139 mil persoas da área de Vigo a ter como hospital de referencia un centro privado?”

O BNG de Vigo rexeita que Caballero “agasalle” a Povisa coa da Medalla da Cidade

O Bloque Nacionalista Galego vén de expresar o seu rexeitamento ao anuncio público feito esta mañá polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, de que o vindeiro 2024 lle será concedida a Medalla da Cidade ao centro médico privado Povisa.

O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, afeou que o rexedor anunciase esa distinción “sen diálogo, sen o máis mínimo consenso e esquecendo que é o Pleno e non o alcalde quen outorga a máxima distinción da cidade”. Igrexas encadrou o feito na “continuada degradación das honras e recoñecementos do Concello de Vigo” resultando do “permanente sectarismo e tics autoritarios” por parte do actual Goberno municipal.

Desde a fronte nacionalista reiteran a demanda de modificar o actual regulamento, aprobado hai 42 anos, para recuperar o consenso e a representatividade dos galardóns municipais. “Temos que volver reclamarlle ao alcalde que deixe de actuar como un monarca absoluto para garantir que as distincións do Concello de Vigo respondan tamén á pluralidade da cidade”, defenden.

Igrexas cuestionou tamén os motivos de fondo para entregarlle a medalla da Cidade a Povisa. “Exactamente que é o que quere premiar Caballero? Que se faga negocio coa saúde das viguesas e vigueses? Que as políticas de privatización da Xunta do PP obriguen a 139 mil persoas da área de Vigo a ter como hospital de referencia un centro privado?”, interpelou.

O portavoz municipal nacionalista denunciou “a precariedade tanto asistencial como laboral que representa o modelo Povisa e que supón unha anomalía que debe ser superada coa súa absorción polo Sergas”.  A este respecto, denunciou a insuficiencia de persoal, por debaixo das ratios dos hospitais de xestión pública, os baixos salarios, e a crecente precarización das condicións laborais como amosa a introdución da dobre escala salarial ou a implantación da contratación fixa discontinua.

Porta xiratoria?

“Con esta Medalla xa entendemos por que o PSOE de Abel Caballero sempre votou en contra de todas as iniciativas do BNG en relación ao nefasto negocio que é para a sanidade pública o concerto de Povisa”, reprochou Igrexas, quen se preguntou se con este “agasallo de Nadal” o que procura o rexedor é seguir incentivando “a súa particular ‘porta xiratoria’ que fai que algúns responsábeis do PSOE, incluído algún ex concelleiro vigués, teñan exercido de asesores e colaboradores da dirección de Povisa”.

O BNG de Vigo rexeita que Caballero “agasalle” a Povisa coa da Medalla da Cidade