O BNG demanda abrir o Pleno de aprobación provisional do novo PXOM a toda a veciñanza de Vigo
A fronte nacionalista propón que se celebre en horario de tarde no Auditorio municipal, con quendas de intervención e réplica ampliadas, para permitir a maior asistencia
Afea que os grupos políticos da oposición coñeceran a data da sesión pola prensa, sen que se informara previamente na Xerencia de Urbanismo nin na Xunta de Portavoces
Xabier P. Igrexas: “Cómpre abrir portas e fiestras, poñer luz e taquígrafos e transparentar o debate dun documento que vai ser absolutamente central no futuro da cidade”
O Bloque Nacionalista Galego demanda abrir o Pleno de aprobación provisional do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) a toda a cidadanía de Vigo. A fronte nacionalista propón que se celebre a partir das 20 horas no Auditorio municipal, con quendas de intervención e réplica ampliadas, para permitir a maior asistencia de viguesas e vigueses ao debate dun documento “central” no futuro da cidade e que vai ditaminar o resultado das 4.502 alegacións formuladas pola veciñanza e colectivos.
“O BNG non queremos un Pleno rutineiro, que se prevé celebrar este 28 de decembro xunto a outros dous (o ordinario de decembro e o extraordinario de orzamentos) nunha mesma mañá”, valorou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, quen considerou que a veciñanza “merece e ten dereito” a coñecer os argumentos que fundamentan o voto que das diferentes forzas políticas sobre o novo Plan Xeral.
Sobre a sesión, Igrexas solicitou tamén que se habiliten intervencións máis amplas, de mínimo 10 minutos, e unha segunda quenda de réplicas dada a importancia do asunto e para permitir un “verdadeiro debate” sobre os diferentes modelo de cidade.
“É claro que o BNG non lle temos medo a ese debate amplo, a pregunta é porqué llo ten Abel Caballero”, interpelou o voceiro nacionalista
Aliás, Igrexas afeou que os grupos políticos da oposición coñeceran a data da sesión pola prensa, sen que se informara previamente no Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo nin na Xunta de Portavoces. “Unha nova demostración do nulo respeito que o alcalde ten cara ao máximo órgano de representación democrática da cidade, que é tanto como desprezar ao conxunto das viguesas e vigueses”, considerou.
Dende a fronte nacionalista cuestionaron tamén a data elixida para a aprobación provisional do novo PXOM en pleno Nadal a poucos días de rematar o ano, do mesmo xeito que a aprobación inicial se convocou en pleno verán, o 26 de agosto de 2021. Unha decisión que, a xuízo do BNG, responde aos intentos do Goberno local por manter a opacidade que marcou toda a tramitación do documento.
Un novo PXOM só de Abel Caballero
“A posición do Goberno de Caballero é a de manterse firme en impoñer o seu PXOM elaborado na escuridade dos despachos, sen diálogo, nin participación”, criticou Igrexas sobre a resolución das miles de alegacións veciñais, ás que a fronte nacionalista apenas tivo acceso hai uns días. Como exemplo, das 29 alegacións formuladas polo propio BNG tan só 2 foron estimadas por referirse a cuestións técnicas obrigadas pola normativa. “A resposta de Caballero é rotunda: o Plan Xeral e o modelo de cidade para os vindeiros 15 ou 20 anos vaino decidir el e punto”, reprochou o portavoz nacionalista.