O BNG de Vigo rexeita as “acusacións delirantes e as medidas improvisadas” do Goberno municipal sobre o tráfico do Nadal
A fronte nacionalista advirte de que o “perímetro de restrición de vehículos” anunciado hoxe non soluciona o problema, reitera a demanda de aparcamentos disuasorios e lanzadeiras de bus e esixe que se poña fin a ilegalidade de encomendar a persoal voluntario o control do tráfico
Xabier P. Igrexas: “A estratexia da avestruz, se non se rectifica, vai converter as vindeiras semanas nunha agonía para a veciñanza, cunha cidade insegura, intransitábel e inhabitábel”
O Bloque Nacionalista Galego rexeita o que cualifica de “acusacións delirantes” e “medidas improvisadas por parte do Goberno municipal en relación ás medidas en materia de tráfico e seguridade por causa do Nadal.
O Portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, reaccionou ás declaracións realizadas esta mañá polo portavoz do Goberno local, Carlos L. Font, nas que negaba a existencia de problemas de tráfico e seguridade e volvía desprezar as queixas e protestas da veciñanza e dos servizos de emerxencia diante do “caos” que se está a vivir na cidade imputándoas a unha estratexia do “BNG e Alfonso Rueda”.
“O portavoz de Caballero volveu marcar un récord olímplico en cinismo mercenario. Hai que ter moita cara e moi pouco respecto polas viguesas e vigueses para atreverse a negar o que toda a cidade viu cos seus propios ollos e padeceu en carne propia”, retruca Igrexas.
Sobre esta cuestión, acrecentou que moi dificilmente se poden abordar os problemas se se insiste en negalos. “A estratexia da avestruz, se non se rectifica, vai converter as vindeiras semanas nunha agonía para a veciñanza, cunha cidade insegura, intransitábel e inhabitábel. Con máis e máis capítulos do desastre ‘apoteósico’ do que presumía estes días o Alcalde”.
Igrexas tamén cuestionou o novo Plan de tráfico anunciado hoxe advertindo que “pintar nun mapa un perímetro no que se vai prohibir o paso de vehículos non vai evitar o problema”. “Van desaparecer ou evaporarse os miles de coches que entren na cidade cando estean a poucos metros desa liña imaxinaria?” ironizou.
Medidas reais
Desde o BNG reiteran a necesidade de implementar “medidas reais” para reducir e ordenar a entrada de tráfico na cidade. “En lugar de mapas incomprensíbeis e improvisacións de última hora, o que debera xestionar o Goberno municipal é aparcadoiros disuasorios, p.ex. utilizando os do IFEVI ou acordando o uso de parte do estacionamento do aeroporto de Peinador ou de zonas do propio Porto de Vigo, e despregar lanzadeiras de bus até o centro”, contrapoñen.
Por outra parte Igrexas tamén urxiu poñer fin á ilegalidade de que se lle encomende a persoal voluntario ou de Protección Civil labores de ordenación do tráfico, cando a propia DXT xa deixou claro que esas competencias son exclusivas da Policía Local. “Se Caballero pretende que o perímetro anunciado hoxe sexa xestionado por persoas do común con chalecos reflectantes e pitos, o desastre vai ser monumental”, alerta, demandando do Goberno local que actúe “con responsabilidade en materia de seguridade viaria”.