O BNG de Vigo rexeita a “tortura fiscal” de Caballero: pretende subir de novo un 4% os impostos municipais

Xabier P. Igrexas, portavoz municipal BNG Vigo
Xabier P. Igrexas, portavoz municipal BNG Vigo

A fronte nacionalista avanza unha ampla batería de emendas para alargar as bonificacións para 2026, atendendo a situación económica real das familias viguesas

Demanda unha fiscalidade socialmente xusta fronte aos “discursos demagóxicos” do PSOE e do PP, que aplican subidas ou reclaman rebaixas de carácter xeral

Xabier P. Igrexas: “É unha estafa insoportábel que o Goberno local aplique aumentos xerais das taxas cando nos dous últimos exercicios deixou 210 millóns sen gastar”

O BNG de Vigo rexeita a “tortura fiscal” de Caballero: pretende subir de novo un 4% os impostos municipais

O Bloque Nacionalista Galego rexeita a pretensión do Goberno de Abel Caballero de aumentar un 4% os impostos municipais para 2026. O portavoz municipal en Vigo, Xabier P. Igrexas, cualificou de “tortura fiscal” que o alcalde incremente as taxas de forma xeral por terceiro ano consecutivo cando o Concello dispón de máis de 100 millóns en remanentes.

A fronte nacionalista avanzou a formulación dunha ampla batería de emendas fronte á proposta do Goberno municipal, co obxectivo de alargar as bonificacións e exencións atendendo a situación económica real das familias viguesas. “É insultante que un goberno que se di progresista pretenda aplicar un incremento xeral dos impostos que é case un 1% superior ao aumento medio dos salarios”, censurou Igrexas.

O portavoz municipal do BNG considerou esta nova suba xeral como “especialmente inxusta” no actual contexto, no que asegurou que as clases populares e traballadoras “seguen padecendo o impacto da inflación real, da que se nota na cesta da compra e nos pagos de cada mes”. Por este motivo, defendeu avanzar cara a unha fiscalidade socialmente xusta na que “quen menos pode, menos pague” fronte ao que tachou como “discursos demagóxicos” do PSOE e do PP, que aplican subas ou piden rebaixas xerais.

O Concello aumenta o empobrecemento

“É posíbel que para Abel Caballero, cun salario anual que supera os 75.000 euros, ou para os membros do Goberno con retribucións de máis de 65.000, o aumento das taxas dun 4% poida parecerlles un asunto menor”, censurou Igrexas, contrapoñendo a situación de moitos fogares da cidade “nos que cada euro conta e onde cada día 15 é fin de mes”. 

A xuízo do Bloque, un Concello coa capacidade económica de Vigo “non pode contribuír a aumentar o empobrecemento da maioría social”, lembrando que na cidade hai preto de 60.000 persoas en risco de exclusión social e pobreza e até 23.000 fogares con ingresos inferiores a 8.000 euros anuais.

“Cada vez máis impostos a cambio de menos”

O voceiro municipal nacionalista asegurou tamén que esta suba, recollida no proxecto de modificación das ordenanzas fiscais para o vindeiro ano, carece de xustificación económica cando as arcas do Concello contan con amplos remanentes de tesourería que, denunciou, son resultado da inexecución orzamentaria.

Tachou neste sentido de “estafa insoportábel” o aumento xeral dos impostos que pretende o Goberno de Caballero mentres deixou 210 millóns de euros sen gastar dos presupostos municipais nos dos últimos exercicios. “Cada vez máis impostos a cambio de menos”, remachou Igrexas, anunciando a formulación de emendas por parte do BNG para dar alternativas a esta suba impositiva e fronte ao “calote” dos recibos do lixo e da auga.

O BNG de Vigo rexeita a “tortura fiscal” de Caballero: pretende subir de novo un 4% os impostos municipais