O BNG de Vigo reclama información sobre a prometida Empresa Municipal de Vivenda

A fronte nacionalista solicita información urxente sobre os pasos dados para a súa constitución, tras máis de dous meses de ser anunciada por Caballero e de contar con 4,5 millóns xa reservados no orzamento municipal

Xabier P. Igrexas: “Vigo precisa xa unha Empresa Municipal de Vivenda que sexa unha ferramenta real e útil, non outro titular propagandístico”

O BNG de Vigo reclama información sobre a prometida Empresa Municipal de Vivenda
Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo

O Bloque Nacionalista Galego en Vigo esixe ao Goberno municipal que aclare en que punto se atopa o proceso de constitución da anunciada Empresa Municipal de Vivenda. Pasados máis de dous meses desde que o alcalde fixese pública a súa creación, o pasado 27 de xuño, e logo de que no Pleno do 11 de agosto se destinara unha partida de 4,5 millóns de euros para esta finalidade, a fronte nacionalista denuncia que a día de hoxe nada se sabe sobre os avances reais da iniciativa.

O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, anunciou que a formación solicitará formalmente explicacións sobre se xa existen estatutos, se se iniciaron os trámites rexistrais e, sobre todo, cal é a previsión de posta en marcha da nova entidade. “Non podemos permitir que quede en outro gran anuncio baleiro mentres a cidade sofre unha emerxencia habitacional”, advertiu.

Desde o BNG critican que a única información dispoñíbel até o momento é media páxina dun expediente administrativo, cun redactado “tan burocrático como inconcreto”, no que non se define nin a estrutura organizativa, nin o persoal previsto, nin as funcións concretas, nin a sede que terá a futura empresa. “O único que sabemos é que parece que se vai chamar EMVIGO”, sinalou o portavoz municipal nacionalista.

Igrexas lembrou que a creación dun organismo público dedicado á vivenda foi unha das medidas aprobadas polo Pleno en marzo de 2024 a través dunha moción do BNG, co obxectivo de dotar a Vigo dun parque de vivenda pública e social con prezos accesíbeis. “Case un ano e medio despois, a única realidade é un anuncio e unha partida orzamentaria que pode quedar sen executar, como acontece con tantas outras promesas do actual Goberno local”, denunciou.

"Non hai tempo que perder"

O Bloque insiste na necesidade de que Vigo conte cunha entidade municipal que asuma como tarefa prioritaria dar resposta á situación que padece a cidade, con milleiros de fogares expulsados do acceso a unha vivenda digna polos prezos inasumíbeis. “A súa tarefa prioritaria ten que ser dotar Vigo dun parque público de vivenda protexida e social con prezos accesíbeis diante da situación de emerxencia habitacional que padecemos”, subliñan. 

“Non hai tempo que perder, Vigo precisa xa unha Empresa Municipal de Vivenda que sexa unha ferramenta real e útil, non outro titular propagandístico”, concluíu Igrexas.

O BNG de Vigo reclama información sobre a prometida Empresa Municipal de Vivenda