O BNG de Vigo esixe solucións urxentes ante a precariedade da Agrupación de Protección Civil

A fronte nacionalista reclama ao Goberno municipal a convocatoria de eleccións para elixir nova directiva, após máis de cinco anos cunha xestora, e transparencia na xestión dun servizo en crise
Xabier P. Igrexas: “O Goberno de Caballero empurra Protección Civil á irrelevancia mentres favorece a entidades privadas”
O portavoz municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) en Vigo, Xabier P. Igrexas, demandou hoxe ao Goberno local de Abel Caballero que actúe de inmediato para resolver a situación “insostíbel” da Agrupación Local de Protección Civil, que leva máis de cinco anos funcionando de forma irregular baixo unha xestora provisional, fóra dos prazos legais.
O BNG esixe a convocatoria urxente de eleccións para restituír a normalidade organizativa e urxe transparentar a xestión dun servizo financiado con fondos públicos, solicitando acceso ás memorias de actividade, contas económicas dos últimos cinco anos e datos sobre a evolución do voluntariado activo.
Igrexas criticou duramente a xestión municipal, acusándoa de abandonar á agrupación mentres favorece a entidades como Vodea. “O Goberno de Caballero empurra Protección Civil á irrelevancia mentres a substitúe por entidades privadas”, declarou o portavoz municipal, sinalando que o voluntariado leva anos alertando sobre deficiencias graves, como o estado “lamentábel e inhabitábel” das instalacións ou os recortes en dispositivos chave como a vixilancia de praias. Esta inacción, segundo o BNG, está provocando unha crecente desmobilización do persoal voluntario.
O portavoz municipal nacionalista denunciou que, en lugar de avanzar cara á semiprofesionalización prometida e recomendada pola FEMP —presidida daquela polo propio Caballero—, o Goberno municipal opta por agravar a precariedade da agrupación. Igrexas sinalou de maneira directa a responsabilidade da concelleira de Seguridade, Patricia Rodríguez Calviño, por non atender as demandas do voluntariado nin mellorar as condicións do servizo, a pesar de coñecer de sobra a situación.
Desde a fronte nacionalista advirten que a continuidade desta política pon en risco un servizo esencial para a seguridade cidadá e reclama medidas inmediatas para reverter o deterioro, empezando pola elección dunha nova directiva e a dotación de recursos axeitados para Protección Civil en Vigo.