O BNG de Vigo pide transparencia a Caballero na tramitación do novo convenio co Celta sobre Balaídos
A fronte nacionalista pregunta ao alcalde pola xustificación para renovar o actual convenio, vixente até 2034, e advirte que non pode supoñer a “privatización” do estadio
Demanda condicionar o novo convenio a que o Celta manteña a súa ligazón como club da cidade ante unha eventual venda ou entrada maioritaria de capital estranxeiro
Xabier P. Igrexas: “Balaídos non pode ser só público a efectos de gasto, o Celta ten que seguir asumindo o sostemento dun estadio do que é o seu principal e case único usuario”
O Bloque Nacionalista Galego pide transparencia a Abel Caballero na tramitación do novo convenio co Real Club Celta de Vigo en relación ao uso do estadio municipal de Balaídos. Após o anuncio realizado polo alcalde dun novo acordo, que aínda non é público nin efectivo, a fronte nacionalista demanda ao Goberno local que explique os motivos para renovar un convenio que está vixente até o ano 2034.
Así o preguntou este luns o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, quen tamén pediu aclarar cal é o interese público que xustifica ir a un acordo de 50 anos, unha duración “sen precedentes” en convenios municipais. “Balaídos non pode ser só público a efectos de gasto”, defendeu, asegurando que o Celta ten que seguir asumindo parte do sostemento económico dunha instalación da que é o seu principal e case único usuario.
Dende o Bloque apelaron á claridade a respecto do reparto de cargas e custos para evitar que este novo acordo supoña na práctica a “privatización” do estadio municipal cuxa reforma, lembraron, vai supoñer como mínimo o investimento de 60 millóns de diñeiro público (a maioría do Concello) unha vez rematada a bancada de Gol.
“É necesario tamén aclarar se o Celta vai dispoñer de maneira exclusiva das instalacións do estadio para usos non deportivos, como a organización de eventos ou concertos, e a cambio de que lle cede a cidade esa explotación”, demandou Igrexas.
Condicionado ante unha eventual venda
Outro dos puntos “imprescindíbeis”, a xuízo das nacionalistas, pasa por condicionar o novo convenio a que o Celta manteña a súa ligazón como club da cidade. Nese sentido, propoñen a inclusión de cláusulas que permitan resolver o convenio ante unha eventual venda ou entrada maioritaria de capital estranxeiro no accionariado da entidade. “No obxectivo de que Balaídos continúe sendo a grande casa celeste do Celta de Vigo”.