O BNG reclama á Xunta que interveña ante os “inxustos” despedimentos en ZF Lifetec Vigo
A fronte nacionalista traslada iniciativas ao Parlamento galego diante das “incertezas” no sector da automoción polo avance da deslocalización produtiva e da precariedade laboral
Carmela González: “A Xunta do PP permite que as axudas que concede para proxectos e empresas asentadas en Galiza se destinen a outros territorios ou países”
Brais Ruanova: “O Goberno Galego aínda non presentou ningún plan que contemple o impacto da transición ao vehículo eléctrico sobre o emprego e a carga de traballo”
O Bloque Nacionalista Galego reclama á Xunta de Galiza que interveña en calidade de autoridade laboral ante o “inxusto” despedimento de tres traballadores na empresa ZF Lifetec en Vigo. A fronte nacionalista traslada ademais iniciativas ao Parlamento galego diante das “incertezas” que ameazan o futuro do sector da automoción polo avance da deslocalización produtiva e da precariedade laboral.
“O BNG queremos mostrar o noso total rexeitamento a estes despedimentos e aos 150 anunciados por Akwell, que son unha mostra da situación crítica que atravesan as traballadoras e traballadores da automoción”, defendeu a deputada do BNG no Parlamento galego, Carmela González, após reunirse este martes xunto co deputado Brais Ruanova e o portavoz municipal en Vigo, Xabier P. Igrexas, con representantes do Comité de Empresa de ZF Lifetec (antiga Dalphi Metal).
González denunciou o agravamento das condicións laborais no sector, con ritmos de traballo “insostibles”, con alta temporalidade nos contratos, con desregularización das xornadas laborais que imposibilitan a conciliación, con cada vez maior subcontratación e co uso de Centros Especiais de Emprego que “explotan a persoas con discapacidade como man de obra barata subvencionada polas administracións”.
A este respecto, a deputada nacionalista advertiu da continuidade do “abuso” dos ERTEs de cara ao ano 2025, que afectan na actualidade ao 90% das empresas da automoción galega, transformando empregos indefinidos en fixos discontinuos a costa de cartos públicos. “Moitos casos son fraudulentos xa que non cumpren coa semana de preaviso e son os propios traballadores os que sufragan estas paradas coas súas prestacións por desemprego”, afeou.
Dende o BNG insistiron en que as Administracións Públicas “non poden seguir subvencionando a precariedade laboral”, salientando que os fabricantes continúan a aumentar os seus beneficios mentres o persoal perde poder adquisitivo e dereitos. “O plan non é outro que facer que as traballadoras e traballadores paguen os custes da transición ao vehículo eléctrico, que vai supor o peche de plantas”, alertou González.
Ameaza da deslocalización
Ameazas ás que se suma a crecente deslocalización da produción cara terceiros países, como Portugal, mentres na Galiza non se instalou nos últimos anos nin unha soa fábrica do sector, nin plantas de compoñentes nin a demandada fábrica de baterías. “Ao mesmo tempo que ZF Lifetec despide a 3 traballadores, no que parece un avance dos que van vir, acaba de montar unha planta en Marrocos”, criticou a deputada do Bloque.
Unha deslocalización que, afeou González, está a ser subvencionada tamén polo propio Goberno galego. “A Xunta do PP permite que as axudas que concede para proxectos e empresas asentadas en Galiza se destinen a outros territorios ou países”, subliñou, demandando que estes fondos públicos obriguen ás empresas a manter os postos de traballo e a carga produtiva no país.
Medidas polo futuro da automoción
Na mesma liña, o deputado Brais Ruanova acusou ao Goberno de Alfonso Rueda de “tirar balóns fóra” e de “promesas incumpridas” en materia industrial, comprometendo así o futuro dun sector estratéxico como a automoción para Vigo e para Galiza. “O Goberno Galego aínda non presentou ningún plan que contemple o impacto da transición ao vehículo eléctrico sobre o emprego e a carga de traballo”, lamentou.
Ruanova criticou que a única aposta económica do PP na maior cidade galega sexa o “monocultivo do Xacobeo”, relegando a un papel secundario as políticas activas e as competencias do Goberno galego en materia de industria, un sector no que se destruíron até 1.800 empregos en Vigo só no último trimestre do ano.
Fronte a esta situación, o deputado nacionalista enumerou tres propostas do BNG para impulsar o sector da automoción na área viguesa. Por un lado, con medidas para atraer novos actores que diminúan a actual dependencia dun único gran fabricante como Stellantis, garantindo carga de traballo na industria auxiliar. Por outro, a necesidade de desenvolver proxectos destinado ao coche do futuro como semiconductores e baterías. E tamén por blindar que as axudas públicas impidan a deslocalización.