O BNG de Vigo urxe a Caballero a actuar para impedir a “piratería” de Uber na cidade
A fronte nacionalista demanda catro medidas concretas: controis policiais, denuncia á Xunta, accións xudiciais e elaborar unha ordenanza municipal para “blindar a cidade fronte as VTC”
Xabier P. Igrexas: “Non podemos permitir a actividade pirata de empresas que queren impoñer a lei da selva nas nosas rúas”
O Bloque Nacionalista Galego esixe ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, unha actuación inmediata e contundente contra a presenza ilegal da empresa de vehículos de transporte con condutor (VTC) Uber, que comezou a actuar na cidade sen contar coa preceptiva autorización municipal. O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, anunciou que a formación nacionalista vaise dirixir formalmente ao Concello para reclamar medidas urxentes que poñan freo a esta situación, que cualificou de “piratería” por parte dunha “compañía opaca e transnacional”.
O BNG propón catro medidas concretas para atallar a presenza irregular de Uber en Vigo. En primeiro lugar, solicita a actuación da Policía Local para realizar controis que identifiquen os vehículos de Uber que operan sen autorización, co obxectivo de sancionalos e mesmo poder inmobilizalos, tal como permite a lexislación vixente. En segundo termo, insta ao Goberno local a denunciar esta situación ante a Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta de Galiza, dado que Uber está a vulnerar a Lei de transporte público de persoas en vehículos de turismo en Galiza, ao operar dentro da cidade cando só ten autorización para servizos interurbanos.
Ademais, o BNG reclama que os servizos xurídicos do Concello preparen accións xudiciais para solicitar medidas cautelares de urxencia que impidan a Uber seguir operando de maneira irregular. Finalmente, a formación nacionalista propón a elaboración dunha ordenanza municipal específica que regule as VTC en Vigo, blindando a cidade fronte a estas empresas e garantindo a participación do sector a través da convocatoria do Consello Sectorial de Transportes que, demandan, se celebre de maneira urxente.
Piratería
“Non podemos tolerar que unha compañía opaca e transnacional como Uber actúe de maneira pirata nas rúas da nosa cidade”, afirmou Igrexas, quen alertou sobre a estratexia desa compañía de operar “ás bravas pola vía dos feitos consumados” para presionar ás administracións locais.
O portavoz municipal nacionalista denunciou que esta empresa “supón un grave dano ao sector do taxi, opera en condicións de clara precariedade laboral e evade impostos a través de conglomerados opacos”.
O BNG subliña que a actuación de Uber en Vigo non só contravén a normativa municipal, senón que tamén representa unha competencia desleal fronte a outras modalidades de transporte público, como o taxi, que están reguladas e contan con prezos fixados pola administración local.
“Vigo non pode ceder á chantaxe mafiosa de empresas como Uber”, insistiu Igrexas, quen defendeu que o Concello debe enviar “hoxe, sen maior demora, unha mensaxe clara e rotunda: non imos permitir que actúen á marxe da lei”. “Non podemos consentir que empresas como Uber impoñan a lei da selva nas rúas da cidade”, concluíu o portavoz do BNG.