O BNG de Vigo pide deixar atrás o modelo obsoleto de Sogama e proporá bonificacións para frear a suba do lixo
A fronte nacionalista demanda que o Concello esixa da Xunta unha mudanza na xestión dos bioresiduos que pivote na recollida selectiva, na reutilización, na reciclaxe e na compostaxe
Denuncia que PP e PSOE só xogan a culpar ao outro en lugar de abordar o problema de fondo e procurar solucións
Xabier P. Igrexas: “É inaceptábel que o Goberno de Abel Caballero pretenda impoñer este sablazo fiscal sen contemplacións, cando o Concello ten recursos suficientes para alivialo”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo demandou hoxe unha mudanza profunda na xestión de residuos para frear a “brutal” suba do recibo do lixo, que incrementa entre un 31% e un 47% o custe para as viguesas e vigueses. A fronte nacionalista critica o modelo “obsoleto, contaminante e carísimo” de Sogama e propón un novo sistema baseado na recollida selectiva, reutilización, reciclaxe e compostaxe.
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas denunciou que o actual sistema de Sogama, que segue a pivotar na incineración, é “antiecolóxico” e só favorece intereses privados, como os de Gas Natural (que posúe o 49% da empresa) ou o grupo Valtalia-Copasa, con claras vinculacións ao Partido Popular e que recibiu 700 millóns de euros en contratos nos últimos anos. “Mentres PP e PSOE se botan a culpa entre si, evitan abordar o verdadeiro problema: un modelo de xestión de residuos que castiga a cidadanía e o medio ambiente”, afirmou.
Igrexas subliñou que Vigo, cun 13% de reciclaxe, está moi lonxe do obxectivo do 50% marcado pola normativa europea, estatal e galega para este 2025, e xera anualmente preto de 100 millóns de toneladas de residuos non reciclados.
O BNG levará ás vindeiras Comisións Informativas do Pleno unha proposta para que o Goberno municipal demande á Xunta de Galiza a creación dunha comisión de traballo, con participación dos concellos, para definir un novo modelo de xestión de bioresiduos. Este modelo, defenden as nacionalistas, debe pivotar no tratamento de proximidade e na compostaxe, incentivando a recollida selectiva e a reutilización. “Non se trata só de rexeitar un tarifazo inxusto, senón de dar o debate sobre como xestionamos os residuos, unha das grandes materias pendentes de Vigo”, explicou Igrexas.
Bonificacións extraordinarias
Ademais, o BNG esixe medidas inmediatas para mitigar o impacto da suba do recibo do lixo, que xa é un dos máis caros de Galiza e do Estado, superando os importes de cidades como Madrid, Barcelona ou Valencia.
Neste sentido, Igrexas anunciou que na vindeira Comisión de Orzamentos e Facenda proporán novas bonificacións extraordinarias, especialmente para fogares de menores recursos, e unha aplicación gradual do incremento, tendo en conta que o Concello dispón de preto de 200 millóns de euros de remanentes. “É inaceptábel que o Goberno de Abel Caballero pretenda impoñer este sablazo fiscal sen contemplacións, cando hai recursos suficientes para alivialo”, criticou Igrexas.
O portavoz municipal nacionalista lembrou que o BNG votou en contra da actualización das ordenanzas fiscais que incluía este incremento, rexeitando un “tarifazo arbitrario” que castiga a cidadanía. O BNG comprométese a seguir defendendo un modelo de xestión de residuos sustentábel e xusto, que priorice o benestar da veciñanza e o cumprimento das normativas ambientais. “Vigo merece deixar atrás o sistema fracasado de Sogama e avanzar cara unha cidade que recicle, reutilice e respecte o medio ambiente”, concluíu Igrexas.
