O BNG de Vigo urxe a Concello e Xunta a actuar diante da “emerxencia laboral” que retrata a última EPA

Xabier P Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo
Xabier P Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo

Os últimos datos oficiais da Enquisa de Poboación Activa recollen que na cidade de Vigo o desemprego aumentou en 3.500 persoas no último trimestre e que inda non se recuperou o nivel de ocupación anterior á pandemia

A fronte nacionalista anuncia que a promoción do emprego será unha das súas prioridades nas emendas aos orzamentos do Concello e da Xunta

Xabier P. Igrexas: “A cifra que mellor retrata o retroceso de Vigo en termos de emprego e de capacidade produtiva é que a día de hoxe teñamos 7.400 postos de traballo menos dos que había no ano 2009”

O BNG de Vigo urxe a Concello e Xunta a actuar diante da “emerxencia laboral” que retrata a última EPA

O Bloque Nacionalista Galego urxe tanto ao Concello de Vigo como á Xunta de Galiza a que actúen diante da “emerxencia laboral” que retratan os últimos datos oficiais da Enquisa de Poboación Activa. Así o vén de demandar o Portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, após se coñecer que no último trimestre aumentou o paro na cidade en 3.500 persoas.

Igrexas tamén alertou de que no terceiro trimestre deste ano inda non se logrou recuperar o nivel de ocupación existente na cidade antes da pandemia da Covid-19. “A cifra que mellor retrata o retroceso de Vigo en termos de emprego e de capacidade produtiva é que a día de hoxe teñamos 7.400 postos de traballo menos dos que había no ano 2009”, enfatizou.

Unha situación que se fai notar especialmente en actividades e sectores estratéxicos para a economía viguesa como son a industria, na que hai 1.500 empregos menos dos que había antes da pandemia, ou no sector primario (agro e pesca) onde nos últimos tres meses se destruíron 6 de cada 10 empregos en comparación co trimestre anterior.

Falla de resposta

O portavoz municipal nacionalista critica a falla de resposta por parte dos gobernos galego e municipal diante da grave situación laboral que atravesa a maior cidade galega. Neste sentido, denuncia a “falla dun compromiso real do Goberno municipal de Abel Caballero coas políticas de emprego como evidencia que o Vigo Emprega veña de convocarse con apenas 75 prazas, fronte as 220 que se convocaron en 2016, ou que programas como o Plan de Emprego Municipal e os destinados a emprego xuvenil e de mulleres vítimas de violencia machista practicamente non teñan executado nada do seu orzamento no que vai de ano”.

Á inacción municipal engádese a “nefasta política económica, industrial e laboral” da Xunta de Galiza do Partido Popular que, lembra Igrexas, leva 4 anos consecutivos negándose a impulsar un Plan de reactivación produtiva e industrial na comarca de Vigo como demandou reiteradamente o BNG na tramitación dos orzamentos da  Xunta.

Diante desta situación,  Igrexas anuncia que a promoción do emprego será unha das prioridades das emendas que a fronte nacionalista trasladará tanto aos orzamentos para 2024 de Concello e Xunta.

“O compromiso do BNG é claro. Faremos todo o que estea na nosa man para apostar por políticas que creen oportunidades aquí. Que aposten no emprego digno, estábel e con dereitos. Para poñermos fin á expulsión de millares de mozas e mozos á emigración forzosa e garantir o dereito das viguesas e vigueses a viviren con dignidade dun traballo na propia terra”, remachou.

O BNG de Vigo urxe a Concello e Xunta a actuar diante da “emerxencia laboral” que retrata a última EPA