O BNG de Vigo urxe a Xunta a reaccionar diante da situación límite da atención sanitaria

saude

A fronte nacionalista esixe que se poñan todos os medios necesarios para reforzar tanto os centros de saúde como a atención hospitalaria, e reclama oponse ao feche de camas e á reprogramación de intervencións cirúrxicas. 

Xabier P. Igrexas: “O dereito á saúde non colle vacacións e no verán as persoas que enferman merecen ser atendidas en condicións”

O BNG de Vigo urxe a Xunta a reaccionar diante da situación límite da atención sanitaria

O Bloque Nacionalista Galego volveu urxir á Xunta de Galiza a reaccionar diante da situación límite que atravesa a atención sanitaria en Vigo e a súa área. A fronte nacionalista esixe unha rectificación completa na “nefasta política sanitaria de recortes e privatizacións”, e insta o Goberno galego a actuar poñendo desde xa todos os medios necesarios para reforzar tanto os centros de saúde como a atención hospitalaria.

“Tal e como advertimos desde hai moito tempo, a falla de persoal e os recortes aplicados pola nefasta política sanitaria da Xunta do PP, está colocando aos centros de saúde nunha situación límite con esperas de semanas para lograr unha cita”, afirmou o concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas.  “Esta situación está a traducirse tamén nunha evidente sobrecarga que raia no colapso tanto do PAC como das urxencias do Hospital Álvaro Cunqueiro, con picos de até 500 entradas diarias”, acrecentou. Un contexto ao que nas últimas semanas se engaden os efectos do “moi preocupante incremento dos casos de Covid” que se traducen tamén nun aumento da carga asistencial con 124 persoas hospitalizadas arestora por causa do coronavirus.

Igrexas criticou con dureza a falla de resposta por parte do Goberno galego. “A Xunta de Alfonso Rueda e Marta Fernández Tapias négase a rectificar. En lugar de poñer fin aos recortes, como o feche de camas hospitalarias no verán, ou de reforzar con máis medios os centros saúde, o PP o que fai é atrasar intervencións cirurxícas que nalgúns casos levan meses programadas, e nunha área sanitaria de Vigo que xa padece unhas listas de agarda insoportábeis”, reprochou.

Desde o Bloque quixeron unha enviar unha mensaxe tan “clara e contundente”, como a expresada pola máis de 25 mil persoas que participaron na manifestación convocada por SOS Sanidade Pública o pasado mes de maio.  “A Xunta de Galiza ten que rectificar, ten que dar un xiro de 180 graos, teñen que deixar de xogar coa saúde das persoas e desistir desta política de recortes e privatizacións coa que converteron a área de Vigo na zona cero da desfeita sanitaria de Galiza”, demandan.

“Teñen que poñerse todos os medios desde xa, para reforzar a atención primaria e a hospitalaria. Non abonda con que o presidente Rueda se diga preocupado, o que ten que facer é exercer de tal e poñer solucións a unha situación que as viguesas e vigueses non podemos seguir a soportar”, reclama Igrexas, que subliñou que “o dereito á saúde non colle vacacións e no verán as persoas que enferman merecen ser atendidas en condicións”.

O BNG de Vigo urxe a Xunta a reaccionar diante da situación límite da atención sanitaria