O BNG de Vigo urxe alternativas habitacionais da Xunta e do Concello para as persoas sen fogar da antiga estación de bus

A fronte nacionalista dirixirase a Ana Ortiz e Abel Caballero para reclamar un plan conxunto para atender ás persoas afectadas diante do anuncio de desaloxo

Demanda unha acción coordinada para evitar que se volva repetir o sucedido no desaloxo da antiga factoría de Pescanova

Xabier P. Igrexas: “As persoas sen teito non son trastes que botar fóra, son persoas con dereitos que merecen axuda e atención por parte das administracións públicas”

O BNG de Vigo urxe alternativas habitacionais da Xunta e do Concello para as persoas sen fogar da antiga estación de bus
Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo

O Bloque Nacionalista Galego de Vigo dirixirase formalmente á delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e ao alcalde da cidade, Abel Caballero, para reclamar a posta en marcha dun acordo de cooperación entre ambas  as administracións que permita afrontar o anunciado desaloxo da antiga estación de autobuses sen que supoña unha nova expulsión á rúa de persoas en situación de senfogarismo.

O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, instou á Xunta de Galiza e ao Goberno local a "darse unha tregua no seu pimpampum partidista” e traballen de forma conxunta para evitar que se repita o ocorrido noutras intervencións similares, como o desaloxo da antiga fábrica de Pescanova onde, segundo denuncia de colectivos sociais, non se ofreceron solucións habitacionais ás persoas afectadas.

Igrexas defendeu que "non se pode repetir o mesmo guión que se produce unha e outra vez", lembrando que "as persoas sen teito non son trastes que botar fóra, senón persoas con dereitos que merecen axuda e atención por parte das administracións públicas".

Neste sentido, o portavoz nacionalista defendeu que a resposta institucional non pode limitarse ao peche físico destes espazos. "A solución non pode ser poñer valados, ten  que ser brindar alternativas habitacionais dignas", asegurou, advertindo de que "non podemos asumir como algo normal que na maior cidade de Galiza haxa ducias de persoas malvivindo e malmorrendo nas súas rúas".

Atender a emerxencia social

A iniciativa do BNG propón que Xunta e Concello coordinen recursos e actuacións para garantir atención social, acompañamento e alternativas de aloxamento ás persoas afectadas polo desaloxo, evitando que a intervención se limite ao desaloxo físico do inmóbel.

"Xunta e Concello deben colaborar, sumando esforzos e recursos para atender as situacións de emerxencia social que se viven na nosa cidade", reclamou Igrexas.

Para o portavoz municipal do BNG, o obxectivo debe ser avanzar cara a unha verdadeira inclusión social das persoas en situación de senfogarismo, garantindo que ningunha actuación administrativa remate deixando persoas sen alternativa habitacional.

O BNG de Vigo urxe alternativas habitacionais da Xunta e do Concello para as persoas sen fogar da antiga estación de bus