Fracaso da Área Metropolitana

Fracaso da Área Metropolitana

“É unha mágoa que un día que tería que ser histórico sexa un auténtico fiasco”, salientou o portavoz municipal do BNG, Santi Domínguez, tras a constitución da asemblea da Área Metropolitana de Vigo, na que participaron 35 dos 52 integrantes debido á ausencia dos representantes do PSOE. Na súa intervención defendeu que a Área Metropolitana é un “estrepitoso fracaso” debido nomeadamente aos continuos enfrontamentos de PP e PSOE e instou aos populares a derogar a lei e retomar o traballo desde o consenso.

Santi Domínguez asegurou que no acto de hoxe o PP demostrou, ao non presentar candidatura á presidencia do novo organismo, que se equivocou dende o primeiro momento e que nunca lle interesou a Área Metropolitana de Vigo. “Como se pode constituir a lei de Área Metropolitana no Parlamento aplicando a maioría e hoxe o esperpento máis grande é que o partido que a aprobou non se digna a presentar candidato ou candidata a súa presidencia?”, preguntouse o nacionalista.

O PP non acepta a democracia

Segundo salientou o portavoz municipal do BNG, dirixíndose aos concelleiros e concelleiras populares de Vigo, “o PP non ten aceptado a democracia participativa”. Neste sentido lembrou que a maioría da corporación viguesa rexeitou en pleno a lei actual e instou á Xunta a súa modificación. “O PP non respecta á maoiría da cidadanía viguesa”, acusou.

“Hoxe tirouse por terra o traballo iniciado no ano 2000”, lamentou Santi Domínguez en relación ao proxecto que encabezou o alcalde nacionalista de Vigo Lois Pérez Castrillo, que acadou o consenso de todos os concellos implicados e culminou coa declaración de Soutomaior e os acordos do Pazo da Touza. “Naquel momento o BNG non tiña ningún tipo de maioría pero si o liderazgo”, subliñou.

Falta de liderado

Precisamente neste aspecto o nacionalista responsabilizou do fracaso da Área Metropolitana ao alcalde de Vigo, xa que considerou que neste tempo non foi quen de liderar o proceso “para que non fora un estrepitoso fracaso”. Ademais, e en referencia á ausencia do grupo socialista na asemblea constituínte da Área, considerou que a única voz que se puido escoitar na defensa de Vigo foi a do BNG. “O fracaso de hoxe é tamén o fracaso do alcalde de Vigo”, destacou.

Diálogo

Para o nacionalista, a partir de hoxe ao PP “só lle queda un camiño, que é o de derogar a lei de Área Metropolitana e iniciar un novo camiño para constituír unha lei na que todos nos sintamos representados”. Asegurou que o BNG quere unha lei que sexa útil para a cidadanía e que sirva para algo máis que de “rifirrafe político”.

Criticou que a lei actual non contempla o financiamento da Área Metropolitana, non define as súas competencias nin baleira de contido a Deputación, duplicando así as administracións. “E só por unha razón: porque non queren deixar de facer política clientelar desde a Deputación”, acusou.

 

Fracaso da Área Metropolitana