Néstor Rego presenta á veciñanza de Teis e Chapela o acordo de investidura que suprime a peaxe da AP-9 en Vigo

2020012419030280973

O acordo devolverá unha bonificación do 100% para usuarios e usuarias recorrentes que empreguen a autoestrada como mínimo dúas veces ao día, todos os días da semana e para todo tipo de usuarios e usuarias

Néstor Rego destaca a gratuidade do tramo Vigo-Redondela, “que é de xustiza, pois Vigo era a única cidade que non tiña o acceso gratuíto”

Néstor Rego presenta á veciñanza de Teis e Chapela o acordo de investidura que suprime a peaxe da AP-9 en Vigo

O BNG volveuse a encontrar coa veciñanza de Teis e tamén con representantes de Chapela, acompañados polo deputado, Néstor Rego, e o portavoz municipal de Vigo, Xabier P. Igrexas para abordar unha das principais problemáticas desta zona, como é o caso da AP-9.

O portavoz municipal de Vigo, Xabier P. Igrexas, destacou o beneficioso que foi para o país, mais tamén para a contorna de Vigo, acadar este acordo de investidura. “Un acordo con importantes compromisos que comezarán a reverter esa estafa que padecemos os galegos e galegas o facermos uso da AP-9 e que ten un evidente impacto nunha cidade como Vigo”. Destaca a súa vez dous punto importantes relacionados coa AP-9 a nivel municipal como a integración urbana da autoestrada dende as Torres de Padín; “o BNG subscribimos, dende hai moito tempo, e expresamos o noso apoio rotundo a esa reivindicación veciñal”, así como a instalación de pantallas acústicas e “o revertemento da fenda que supón para o barrio Teis o actual trazado da AP-9 para que deixe de tronzar ese barrio”.

Para o BNG o acordo é esencial para rematar cunha situación de agravio comparativo do noso país, como de inxustiza que a maiores lastra o desenvolvemento económico. “A AP-9 é unha vía central no que é o eixo fundamental de desenvolvemento económico do país, que é o eixo atlántico.” sinalaba o deputado no Congreso, Néstor Rego. Destacou tamén “que os custos asociados á utilización desta vía de alta capacidade, supón un incremento dos custos para moitas empresas, sexan de distribución como de produción, afectando negativamente á competitividade.”

Néstor Rego lembra que como no acordo de investidura se fixo especial fincapé en tres medidas concretas. Por un lado, unha bonificación do 100% para usuarios e usuarias recorrentes que empreguen a autoestrada como mínimo dúas veces ao día, todos os días da semana e para todo tipo de usuarios e usuarias, profesionais e particulares. En segundo lugar, o acordo trata a gratuidade do tramo Vigo-Redondela, “que é de xustiza, pois Vigo era a única cidade que non tiña o acceso gratuíto” e por último, o Estado farase cargo ao longo da lexislatura do importe dos convenios asinados polo PSOE e PP nos anos 2011 e 2013, no que se realizaron obras de ampliación.

“Este é un paso importante, que segue coa transferencia da AP-9 e que foi posíbel grazasá presenza do BNG no Congreso, porque ningunha das outras forzas de ámbito estatal, nin o PP dende a Xunta foi capaz de conseguir un acordo destas característica por iso estamos orgullosos e satisfeitos” apuntaba Néstor Rego.

ACTO PÚBLICO ABERTO EN CHAPELA

Néstor Rego, acompañado polo portavoz municipal de Vigo, Xabier P. Igrexas, e Xoán Carlos González, portavoz municipal de Redondela, poñerán en valor nun acto aberto ao público o acordo acadado no Congreso ás 20h no Multiusos de Chapela.

 

Néstor Rego presenta á veciñanza de Teis e Chapela o acordo de investidura que suprime a peaxe da AP-9 en Vigo