O novo tax lease debe garantir que o sector naval compita en condicións de igualdade co resto da UE

O novo tax lease debe garantir que o sector naval compita en condicións de igualdade co resto da UE

Á espera de coñecer os detalles definitivos do novo sistema que sustituirá ao tax-lease, o BNG cualifica como "positivo" que "por fin" o naval galego conte cun mecanismo de bonificación fiscal alternativo que, de xeito inequívoco, "debe permitir ao sector galego competir en igualdade de condicións co resto de estaleiros da UE".

A confianza no futuro do naval galego non fai que o BNG esqueza que se teñen perdido 10.000 empregos desde a suspensión do tax-lease, que apenas se formalizaron contratos nos últimos dous anos, e que o sector ten sufrido importantes perdas económicas "polas que ten que ser compensado, tanto desde a Unión Europea como desde o Goberno do Estado e da Xunta", tendo en conta, ademais, a "ineficiente" xestión de ambas administracións, -central e autonómica-, que demoraron meses en enviar unha proposta asumible pola normativa comunitaria.

Tras "vinte meses de paralización de facto do sector", lembra a eurodeputada nacionalista Ana Miranda, "o BNG confía en que o novo sistema anunciado pola Comisión Europea permita unhas regras iguais para todos e con totais garantías legais". "Esperamos poder coñecer o contido do novo sistema de inmediato para poder asegurar que non hai sorpresas desagradables agochadas na letra pequena", salienta Miranda.

Por outro lado, e con independencia de que o anuncio do Executivo da UE "é sen dúbida unha boa nova", Miranda lembra que aínda está pendente de coñecerse a resolución do expediente da denuncia presenta contra o sector naval e, como consecuencia, a decisión que se adoptara ante unha hipotética resolución de devolución das axudas.

A espera desta resolución da Comisión Europea, o BNG volve a deixar claro que, unha suposta devolución "en ningún caso debe recaer sobres as costas dos traballadores e das empresas do sector que se limitaron a aplicar un sistema de bonificacións fiscais en vigor no Estado español. É decir, a cumprir a legalidade vixente nun Estado membro".

 

O novo tax lease debe garantir que o sector naval compita en condicións de igualdade co resto da UE