O BNG pide a Feijóo que non aplique o taxazo Gallardón contra as vítimas da violencia machista
A secretaria de Comunicación da Executiva Nacional e responsábel de Igualdade do grupo parlamentar do BNG, Carme Adán, emprazou esta mañá en Vigo ao presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo, a que a Administración galega non aplique en Galiza o taxazo de Ruiz Gallardón que obriga as mulleres a pagaren taxas nos procedimentos xudiciais por violencia de xénero.
Adán fixo este emprazamento ao comezo da manifestación convocada pola Marcha Mundial das Mulleres en Vigo co motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero.
O PP lexisla en Madrid contra as mulleres e Feijóo cala e outorga, afirmou Carme Adán, quen salientou que durante os anos do Goberno Feijóo en Galiza se teñen producido recortes en materias tan sensíbeis para as mulleres afectadas pola violencia de xénero como o chamado salario da liberdade ou os servizos sociais imprescindíbeis resaltou, para as mulleres saíren dunha situación de violencia.
Taxazo contra as mulleres
Puxo en destaque Adán que o BNG non entende que as mulleres teñan agora que pagar as taxas xudiciais polos procedimentos civís nos xulgados de violencia de xénero, en virtude da reforma impulsada polo ministro de Xustiza, Alberto Ruíz Gallardón.
Reclamamos a Feijóo que non aplique o taxazo de Gallardón. Vai en contra das mulleres. Non se pode saír a rúa a dicer que se está coas vítimas da violencia de xénero e logo ao mesmo tempo cobrarlles taxas xudiciais, denunciou a responsábel de Igualdade do grupo parlamentar.
O apoio ás mulleres que sofren violencia de xénero non debe ser só ritual, obxectou Adán, senón tamén psicolóxico e económico, argumentou, ao tempo que anunciou que o BNG xa ten rexistadas iniciativas neste sentido quer no Congreso dos Deputados quer no Parlamento de Galiza.