MUNICIPAIS 2023
Xabier P. Igrexas: “A ausencia de Caballero no debate electoral sería un plantón covarde ás viguesas e vigueses”
O candidato do BNG á Alcaldía de Vigo interpela o cabeza de lista do PSOE para que acuda ao primeiro debate electoral, convocado pola CRTVG este luns 15 de maio
A candidatura nacionalista visitou este sábado a festa da Brincadeira en Bouzas e realizou un reparto informativo nos aledaños de Balaídos para compartir a súa alternativa política de cara ás municipais do 28 de maio
O candidato do Bloque Nacionalista Galego á Alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, reclama o cabeza de lista socialista Abel Caballero que non volva dar “plantón” as viguesas e vigueses e participe nos debates electorais desta campaña das municipais, que inician co debate organizado pola CRTVG este vindeiro luns 15 de maio.
“A democracia é incompatíbel co monólogo permanente”, defendeu Igrexas, que reafirmou o compromiso da fronte nacionalista con acudir a todos os debates que se convoquen para explicar e trasladar con “optimismo e entusiasmo o proxecto aberto e en positivo co o BNG queremos volver poñer en marcha a cidade e levar Vigo máis alá”.
O candidato nacionalista asegurou que a ausencia de Caballero nos debates electorais sería “insistir na covardía política” que mantivo durante o actual mandato “fuxindo” dos Plenos municipais para evitar o contraste co resto de forzas políticas, e como xa fixera na anterior convocatoria dos comicios municipais.
Ademais, Igrexas considerou que significaría un “profundo desprezo” cara a cidadanía viguesa que, dixo, ten “dereito” a que todas as candidatas e candidatos “dean a cara en primeira persoa” para explicar os seus proxectos de cara á cita electoral do 28 de maio.
Visita festa Brincadeira e reparto en Balaídos
A candidatura nacionalista visitou este sábado a festa da Brincadeira en Bouzas e realizou un reparto informativo nos aledaños do estadio de Balaídos para compartir as súas propostas electorais. Igrexas volveu poñer en valor a alternativa do BNG para "construír entre todas e todos” unha cidade máis habitábel e moito máis verde, un Vigo igualitaria e socialmente xusto, que volva ser pulmón industrial e produtivo de Galiza, que se referencie como vangarda na creación cultural e que asuma o seu papel como maior cidade galega e motor de todo un País.