Xabier P. Igrexas chama desde Tik Tok a mocidade a ser "motor do cambio en positivo" para Vigo

Xabier P. Igrexas, concelleiro e candidato do BNG de Vigo
Xabier P. Igrexas, concelleiro e candidato do BNG de Vigo, no vídeo en Tik Tok

O concelleiro e candidato do BNG á Alcaldía de Vigo anima as viguesas e vigueses máis novos a través desta popular rede social para que sumen as súas ideas ao proxecto aberto da fronte nacionalista para “darlle un novo impulso” á cidade

Xabier P. Igrexas: “O Concello leva moitos anos castigando a mocidade de Vigo, polo que o BNG queremos contar con todas e con todos para levarmos Vigo máis alá”
Xabier P. Igrexas chama desde Tik Tok a mocidade a ser "motor do cambio en positivo" para Vigo

O concelleiro e candidato do Bloque Nacionalista Galego á Alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, chama a mocidade a ser “motor de cambio en positivo” na cidade. O edil nacionalista vén de lanzar a través da popular rede social Tik Tok unha mensaxe dirixida ás viguesas e vigueses máis novas para que sumen as súas ideas ao proxecto aberto do Bloque para “darlle un novo impulso” nas eleccións municipais do vindeiro 28 de maio.

“As mozas e mozos de Vigo merecen e precisan de moito máis que uns poucos grandes concertos no verán”, asegurou no vídeo o candidato do BNG, que lamentou que o Concello leve “moitos anos castigando” a xente nova da cidade, pechando servizos como Vigosónico e facendo desaparecer programas xuvenís como o Súbete ó Castro, os Castroconcertos, o Punto Xove ou “reducindo a unha conserxería” a Casa da Xuventude.

Igrexas apostou por dar resposta ás necesidades da mocidade viguesa con políticas que faciliten o acceso á vivenda e promovan a creación de emprego para que “deixen de ter que escoller entre desemprego, emigración ou precariedade”.

“Sei que sodes moitas e moitos as que sabedes e sentides que Vigo merece máis, e que podedes ser o motor do cambio en positivo que merece e que necesita Vigo”, dixo o concelleiro nacionalista, que animou a facer chegar ideas e propostas a través do caixón de comentarios do propio Tik Tok, no sitio web vigo.bng.gal ou dos diferentes perfís nas redes sociais do BNG a través do cancelo #IdeasVigo. “Queremos contar con todas e con todos para xuntas e xuntos levarmos Vigo máis alá”.
 

@contradiscurso As mozas e mozos podedes ser o motor do cambio en positivo que merece #Vigo. Queremos contar contigo para xuntas levarmos #VigoMáisAlá. Deixa nos 🗨️ comentarios as túas ideas e propostas, para as incorporar ao proxecto aberto do BNG para impulsar a maior cidade de Galiza. #VigoMereceMáis #IdeasVigo #UnhaNovaGaliza #ConcelloAConcello ♬ som original - Xabier P. Igrexas

Proceso participativo

Esta iniciativa enmárcase no proceso participativo despregado polo do BNG de Vigo de cara a elaborar a súa alternativa política na cidade. Un proxecto que ten como ideas forza das súas bases programáticas construír un Vigo máis habitábel e verde, igualitario e socialmente xusto, que recupere o seu papel como pulmón industrial de Galiza, como vangarda da creación cultural e como motor de todo un País.

Igrexas asegurou que os próximos comicios son unha oportunidade para superar a actual “inercia paralizante e a política frívola que pretende reducir Vigo a un parque temático”. Nese sentido, defendeu a necesidade de “resetear en positivo a cidade poñendo as persoas no centro das políticas municipais, atendendo as necesidades reais, acabando co abandono dos barrios e parroquias e devolvendo a Vigo o seu papel como maior cidade de Galiza”.

Xabier P. Igrexas chama desde Tik Tok a mocidade a ser "motor do cambio en positivo" para Vigo