O BNG reclama unhas instalacións “axeitadas e seguras” para o Club de Halterofilia de Vigo
A fronte nacionalista urxe unha solución para este club de elite tras seis anos adestrando nun espazo “minúsculo” nos baixos do campo de Samil a causa das obras de Balaídos
Xabier P. Igrexas: “O deporte de Vigo non merece o desleixo e total abandono dos últimos anos por parte do Concello en lugar de brindar todo o seu apoio aos clubs, grandes e pequenos, que son o verdadeiro motor da práctica deportiva na cidade”
Filipe Abalde: “As actuais instalacións só teñen de ximnasio o letreiro da porta e nin sequera contan con material deportivo, que facilita o propio club”
O Bloque Nacionalista Galego reclama unhas instalacións “axeitadas e seguras” para o Club de Halterofilia de Vigo. A fronte nacionalista urxe unha solución para este club de elite tras seis anos adestrando nun espazo “minúsculo” nos baixos do campo municipal de Samil a causa das obras de Balaídos.
O concelleiro e candidato do BNG á Alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, e o número tres da candidatura nacionalista, Filipe Abalde, chamaron a poñer fin ao “desprezo” cara o máis de medio centenar de persoas que integran este club, con actividade dende o ano 1966 e que compite a nivel estatal. Advertiron do risco que supón para as e os deportistas ter que adestrar nunhas instalacións que non cumpren os “máis mínimos requisitos de seguridade, equipamento e de espazo” para a práctica desta disciplina.
“O deporte de Vigo non merece o desleixo e total abandono dos últimos anos por parte do Concello en lugar de brindar todo o seu apoio aos clubes, grandes e pequenos, que son o verdadeiro motor da práctica deportiva na cidade”, reclamou Igrexas.
Dende a fronte nacionalista demandaron así unha alternativa “axeitada” que, segundo trasladaron representantes do propio Club de Halterofilia de Vigo, pasarían polo retorno á súa antiga localización nos baixos da bancada de Río, após transcorridos anos da finalización das obras. Lamentaron, nese sentido, que o Goberno municipal non respondera a ningún dos escritos do club dende que deixaron esas instalacións en maio de 2017.
“As actuais instalacións só teñen de ximnasio o letreiro da porta e nin sequera contan con material deportivo, que facilita o propio club”, criticou Abalde, que apostou por un cambio da política deportiva que “respecte e teña en conta” os equipos de Vigo que practican disciplinas minoritarias.