Xabier P. Igrexas: “Chamamos a defender de verdade Vigo apostando polo BNG fronte a aqueles que seguen as ordes dos seus xefes en Madrid”
O candidato nacionalista á Alcaldía reivindica, acompañado da eurodeputada Ana Miranda, o “compromiso coherente e insubornábel” do BNG que defende o mesmo no Concello, no Parlamento galego, no Congreso e no Parlamento europeo
Subliña que o PP no Parlamento galego e o PSOE e Unidas Podemos no Congreso dixeron non neste mandato ás emendas do Bloque para aumentar o investimento na cidade en 600 millóns
O candidato do BNG á Alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, chama a defender “de verdade” os intereses da cidade apostando polo BNG nas eleccións municipais deste próximo domingo. Igrexas reivindicou este venres, acompañado da eurodeputada Ana Miranda, o “compromiso coherente e insubornábel” do Bloque na defensa da cidade.
“Fronte a aquelas e aqueles que coa boca pequena din defender Vigo pero á hora da verdade atenden as ordes dos seus xefes en Madrid, o BNG demostramos nos feitos que defendemos exactamente o mesmo no Concello, no Parlamento galego, no Congreso ou no Parlamento europeo, poñendo os intereses de Vigo e Galiza sempre por diante”, asegurou Igrexas.
Nese sentido, o candidato nacionalista afeou que tanto o PP no Parlamento Galego como o PSOE e Unidas Podemos dixeran “non reiteradamente” a Vigo nos últimos anos. “O seu voto en contra das emendas do BNG aos Orzamentos da Xunta e do Estado supuxeron dicirlle que non a un investimento de 600 millóns de euros en favor da maior cidade galega”.
“Defender Vigo de verdade non é termos esas catro letras na boca, senón que se ten que demostrar nos feitos”
Igrexas enumerou algunhas das débedas pendentes coa cidade por parte dos Executivos de Santiago e Madrid. “A área metropolitana de Vigo necesita dotarse si ou si dun tren de cercanías que a actual ministra de Transportes di que non fai falla porque xa temos tren de Media Distancia, que tamén é moi deficiente”, dixo.
Do mesmo xeito, afirmou que un voto polo BNG será “garantía” de defender en todas as institucións que a “estratéxica” conexión de alta velocidade con Porto estea rematada antes do ano 2030, e non no 2040 como prevé o Goberno español. “Esa Saída Sur que convirta que nos permita exercer como grande polo de desenvolvemento da Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal”, apostou.
No ámbito económico, lamentou a negativa do PP na Xunta e de PSOE e Unidas Podemos no Congreso a poñer en marcha un Plan de Reindustrialización e Reactivación Económica como propuña o BNG. Tamén citou como exemplo o caso da Biblioteca do Estado, que cualificou de “biblioteca do conto da leiteira”, diante das promesas incumpridas da última decada e pola “tomadura de pelo” que significa a partida de só 50 mil euros neste 2023.
“Por iso un BNG determinante no Concello de Vigo vai ser un elemento que potencie o compromiso coherente insubornábel facendo valer os intereses da cidade por riba de calquera outra lóxica”, chamou o candidato nacionalista.
Pola súa banda, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, puxo en valor “o traballo inxente e a valentía” de Igrexas durante os últimos catro, onde como único concelleiro nacionalista foi a “oposición real” a un Goberno municipal e un alcalde instalados no “autoritarismo”. “Con Xabier P. Igrexas ao fronte do Concello e con esta candidatura do BNG Vigo vai dar o cambio que a nosa cidade precisa”, afirmou.