Xabier P. Igrexas: “Vigo non merecía unha delegada da Xunta dedicada á propaganda do PP, nin merece agora tela a tempo parcial como candidata”

Xabier P. Igrexas, concelleiro do BNG de Vigo
Xabier P. Igrexas, concelleiro do BNG de Vigo

O portavoz municipal do BNG considera “incompatíbel en termos éticos” que a Xunta lle pague o “salario de liberada a súa candidata á alcaldía” e afea o papel de Marta Fernández-Tapias como “comisaria de propaganda do PP”.

Xabier P. Igrexas: “Vigo non merecía unha delegada da Xunta dedicada á propaganda do PP, nin merece agora tela a tempo parcial como candidata”

O Bloque Nacionalista Galego critica que a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, pretenda compatibilizar o seu cargo coa condición de candidata do PP á alcaldía de Vigo. A fronte nacionalista considera absolutamente “incompatíbel en termos éticos que a Xunta lle pague o salario de liberada a súa candidata” e afea o papel da delegada do Goberno galego na cidade “unicamente como comisaria de propaganda do PP”.

“Fernández-Tapias comprometeuse a defender os intereses de Vigo diante da Xunta, mais o que fixo durante todo este tempo foi defender o indefendíbel, xustificar a política de total abandono que o PP leva aplicando desde hai máis dunha década contra a maior cidade de Galiza”, recriminou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, que asegurou que, malia respectar todas as decisións internas doutras forzas políticas sobre as súas candidaturas, neste caso hai un evidente “conflito de intereses”.

Igrexas lembrou que a máxima representante do Goberno galego na cidade “non moveu un só dedo” para enfrontar a crise industrial que azouta á cidade e que ten nunha “situación límite” actividades estratéxicas como o sector naval.

“Ollou para outro lado mentres había o risco real de que o antigo Vulcano desaparecese e lle vira as costas agora á gravísima situación que atravesa o antigo Barreras”, subliñou.

O edil nacionalista denunciou tamén a inacción de Fernández-Tapias para reverter a “nefasta política de recortes e privatizacións da Xunta que converteu Vigo na zona cero da desfeita sanitaria”. Igrexas lamentou que “nin tan sequera foi capaz nin de asegurar que o PP cumprise coas súas promesas electorais”, lembrando que non se puxo en marcha unha residencia de maiores en Teis, nin en ningún outro lugar da cidade, nin tampouco existe o prometido proxecto para o novo instituto de Navia.

 

“Vigo non merecía unha delegada da Xunta dedicada á propaganda, nin merece agora ter unha delegada a tempo parcial”, afirmou o concelleiro do BNG, que reiterou a urxencia de que “a Xunta exerza dunha vez as súas competencias na cidade e atenda as necesidades das viguesas e dos vigueses”.
Xabier P. Igrexas: “Vigo non merecía unha delegada da Xunta dedicada á propaganda do PP, nin merece agora tela a tempo parcial como candidata”