O BNG urxe a posta en marcha do protocolo de submisión química contra as mulleres na área sanitaria de Vigo
A fronte nacionalista rexistra unha iniciativa no Parlamento galego para reclamar á Xunta que active este protocolo nun prazo máximo dun mes, após comprometerse en marzo a despregalo en toda Galiza
Alexandra Fernández: “As políticas contra a violencia machista son urxentes e requiren de feitos, non só de boas palabras e promesas que demoran no tempo e non se concretan”
O Bloque Nacionalista Galego urxe a posta en marcha do protocolo de submisión química contra as mulleres na área sanitaria de Vigo. A fronte nacionalista vén de rexistrar unha iniciativa no Parlamento galego para reclamar á Xunta de Galiza que active nun prazo máximo dun mes este protocolo, só dispoñíbel na área de Ourense, após o compromiso da Xerencia do Sergas en marzo de estendelo ao conxunto da rede pública.
“A área sanitaria de Vigo continúa sen contar cun protocolo de actuación de submisión química, que van máis alá dos casos de pinchazos denunciados estes días, senón que existen moitas outras formas xa coñecidas desde hai tempo para as que non existen respostas”, denunciou a deputada do BNG no Parlamento galego, Alexandra Fernández, que cualificou de “incomprensíbel” a demora na posta en marcha destes protocolos.
Fernández reclamou axilidade por parte do Goberno galego para a activación, tras o anuncio de que se inician os traballos para establecer estes protocolos no Hospital Álvaro Cunqueiro.
“As políticas contra a violencia machista son urxentes e requiren de feitos e dunha actitude dilixente, non só de boas palabras e promesas que demoran no tempo e non se concretan”, subliñou a deputada do BNG.
A fronte nacionalista demanda tamén na súa iniciativa parlamentar o despregamento de campañas de concienciación e de sensibilización para dar información “veraz” ás vítimas e ao conxunto da sociedade. “Evitando enfoques alarmistas ou vitimizadores e incluíndo pautas e mecanismos eficaces para combater esta lacra”, detallou Fernández.
Ademais, o BNG chamou a ampliar a formación das e dos profesionais das distintas áreas que actúan en coordinación ante estes casos de submisión química, así como abrir canles de diálogo coas organizacións feministas para facer un seguimento destes protocolos que permitan melloralos no futuro.
“A Xunta de Galiza e a Consellaría de Sanidade teñen que entender dunha vez por todas que atallar a violencia contra as mulleres é un tema de primeira orde e, por tanto, ten que tratarse coa máxima axilidade e cos máximos recursos”, remachou a deputada nacionalista.