Xabier P. Igrexas: “Mal que lle pese a Caballero, a cruz franquista do Castro ten data de caducidade”
O BNG demanda avances na recuperación da memoria democrática e chama a defender as liberdades fronte a ofensiva da “dereita reaccionaria e ultraespañolista”.
O Bloque Nacionalista Galego demandou esta mañá en Vigo avances na recuperación da memoria democrática e antifascista da cidade. A fronte nacionalista fixo un chamamento a defender con firmeza as liberdades democráticas fronte a ofensiva de forzas da “dereita reaccionaria e ultraespañolista”. Así o afirmou o portavoz municipal do BNG na cidade olívica, Xabier P. Igrexas, na súa intervención no acto de presentación do manifesto "Vigo, cidade antifascista” promovido polo colectivo social Vigo Antifascista, e do que é asinante canda decenas de activistas, intelectuais e representantes de diversas organizacións e movementos sociais. No acto tamén tomaron parte a deputada do BNG no Parlamento galego, Alexandra Fernández, a portavoz do Bloque en Bruxelas, Ana Miranda e os responsábeis local e comarca da fronte nacionalista en Vigo, Serafín Otero e Manuel Caride.
No acto, decorrido ás 12 da mañá ao pé da cruz franquista do Castro, e que contou coa lectura dun poema polo escritor Xose María A. Cáccamo e a intervención do portavoz de Vigo Antifascista, Xavier Moreda, Igrexas salientou a “importancia e necesidade” de iniciativas como o manifesto antifascista. “A memoria non é cousa do pasado, é soporte da nosa identidade. Somos porque fomos, e grazas a que lembramos o que outros foron”, explicou.
O edil nacionalista reivindicou o contributo do nacionalismo galego á causa antifascista e á loita polas liberdades democráticas e a xustiza social. "Desde o galeguismo histórico até o nacionalismo galego contemporáneo, de Alexandre Bóveda a Moncho Reboiras, foron millares os e as patriotas galegas que loitaron fronte a ditadura, que padeceron a brutal represión, a clandestinidade ou o exilio. Elas e eles abriron o camiño do que non nos imos apear”, acrecentou.
O portavoz municipal nacionalista advertiu de que, “infelizmente a loita antifascista sigue vixente” diante da ameaza que representa o avance de forzas “reaccionarias de dereita ultraespañolista”. A este respeito, apuntou que, “malia que hoxe se presenten con formas e maneiras máis sutís, ou con discursos disfrazados, o novo fascismo mantén o seu carácter antisocial, antiobreiro e españolista, contrario a pluralidade e a diversidade e que pretende negar o dereito do pobo galego a sermos e existirmos como nación libre e soberana".
Cruz franquista
“Mal que lle pese a Abel Caballero esta cruz franquista do Castro, construída pola ditadura e inaugurada polo ditador na daquela chamada praza da División Azul, ten data de caducidade. É un monumento que ofende a memoria de quen loitou pola liberdade e contra o fascismo, e máis cedo que tarde será derrubada", defendeu Igrexas na súa intervencón.
Desde o Bloque lembran que foron durante anos a única forza política da Corporación Municipal que esixiu a retirada da cruz e que se opuxo en 2014 a que o Goberno municipal de Caballero recorrese a sentenza que ordenaba o seu derrube.