O BNG de Vigo chama a participar nun 25 de xullo multitudinario a prol dunha mudanza “real e profunda” 

IMG_20190712_182445_197
  • O concelleiro Xabier P. Igrexas defendeu a reivindicación de plena soberanía nacional para Galiza para atender os problemas reais do pobo galego.
  • Galiza Nova e o BNG despregaron simbolicamente un bandeira xigante da Patria na praza do Concello e presentaron a programación da IV Semana da Patria Galega en Vigo. 
O BNG de Vigo chama a participar nun 25 de xullo multitudinario a prol dunha mudanza “real e profunda” 

Co despregamento dunha estreleira (bandeira da patria galega) xigante na praza do Concello, o Bloque Nacionalista Galego e mais a súa organización xuvenil, Galiza Nova, presentaron publicamente esta mañá a programación da actividades da IV Semana da Patria Galega en Vigo. 

IMG_20190712_182452_134A mesma inclúe palestras, mesas redondas, pero tamén actividades de lecer e un xantar popular, abordando diferentes temáticas mais coa afirmación do carácter nacional de Galiza e a reivindicación da capacidade de decisión para o noso País como denominador común, explicou o responsábel comarcal de Galiza Nova de Vigo, Brais Ruanova. Ruanova animou a toda a mocidade viguesa a participar destas actividades desde o “orgullo de sermos galegos e galegas”. 

25 de xullo

Estas actividades encádranse nos preparativos para a celebración do Día da Patria Galega, o próximo 25 de xullo. Un xornada reivindicativa impulsada polo nacionalismo galego que cumpre este ano o seu cincuenta aniversario. A este respeito, o portavoz municipal do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas fixo un apelo “a todas as viguesas e vigueses e ao conxunto das galegas e dos galegos” a se sumaren a unha convocatoria “en chave de País” que este ano ten por lema “Un novo impulso para Galiza. Soberanía, traballo, democracia” e que volverá materializarse nunha manifestación nacional nas rúas de Compostela. 

IMG_20190712_182431_923“Para o BNG o 25 de xullo, o Día da Patria Galega, é unha data de celebración do noso carácter nacional pero tamén é unha data de reivindicación política. De cara a este 25 de xullo o que lle propoñemos ás galegas e aos galegos é promover un novo impulso para este País sobre tres premisas claras: soberanía, traballo e democracia”, explicou Igrexas.

Para o edil nacionalista “a situación que padece Galiza non é resultado de ningunha maldición bíblica senón dun deseño político que nos nega como nación, que centraliza os recursos e que nos nega os investimentos que precisamos e merecemos”, defendeu citando o feito de ter o noso País “os salarios e as pensións máis baixas do Estado”, o “desemprego record” e que máis de 100 mil mozas e mozos foran expulsos á emigración forzosa na última década. 

“Para resolver os problemas reais do pobo galego, para atender a situación de emerxencia social e para apostar no noso dereito a vivir con dignidade dun traballo na propia terra, o camiño é o da conquista da soberanía política para termos plena capacidade de decisión”, reivindicou Igrexas. O concelleiro do Bloque na cidade olívica apelou a converter a manifestación do vindeiro 25 de xullo “nun multitudinario chamamento a prol dunha mudanza real e profunda en Galiza”

 

Programa da IV Semana da Patria Galega en Vigo

SEMANA PATRIA VIGO IV

O BNG de Vigo chama a participar nun 25 de xullo multitudinario a prol dunha mudanza “real e profunda”