A militancia do BNG de Vigo reelixe por unanimidade a Serafín Otero como responsábel e portavoz local
_Otero encabezaba a candidatura unitaria que elaborou o Consello Local saínte. A militancia aprobou tamén por unanimidade o Informe Político presentado pola dirección.
_O novo Consello Local do Bloque estará integrado por 25 persoas, con forte presenza de activistas sociais e veciñais e do sindicalismo nacionalista. A súa composición renóvase nun 32% e a mocidade representa o 25%, ademais de garantir a paridade de xénero.
A asemblea local do BNG de Vigo elixiu na tarde de onte, martes 9 de maio, o novo Consello Local da organización, que estará encabezado por Serafín Otero quen resultou reelixido como responsábel e portavoz local. A candidatura unitaria, elaborada polo Consello Local saínte, integra a pluralidade da fronte nacionalista.
O novo organismo de dirección local foi elixido por unanimidade, e estará integrado por 25 persoas mais o ou a representante que designe Galiza Nova. Na súa composición salienta a aposta pola renovación, coa incorporación dun 32% de novos membros e membras, e o reforzamento do papel da mocidade, na medida en que o 25% do novo Consello son persoas menores de 35 anos de idade. Ademais, o novo vice responsábel local é Alberte Mera, de 30 anos e ex secretario xeral de Galiza Nova. O organismo ten unha forte presenza de activistas dos movementos sociais, o asociacionismo veciñal e o sindicalismo nacionalista. Aliás, a candidatura procurou a paridade de xénero integrando un 45% de mulleres, distribuídas de maneira intercalada en todos os tramos (titulares e suplentes).
A militancia tamén ratificou a xestión realizada polo Consello Local saínte, resultando aprobado por unanimidade o seu Informe Político, no que se relataba a inxente actividade política desenvolvida pola fronte nacionalista desde marzo de 2016. No informe recóllese como principal conclusión e valoración que “o BNG estivo presente e actuante na cidade de Vigo durante todo este período, despregando unha importante capacidade de iniciativa política a pesar das limitacións (organizativas, materiais e de representación), o que permitiu non só manternos a nivel social como unha opción política senón recuperar a simpatía e confianza de máis veciñanza. Sob este traballo realizado, ábrese un escenario de oportunidades para a definitiva consolidación e relanzamento do proxecto nacionalista na nosa cidade”.
Na súa intervención diante da asemblea, o reelixido responsábel local defendeu que o BNG está “nas mellores condicións” para encarar os reptos dos vindeiros anos. Entre eles salientou, loxicamente, a celebración das próximas eleccións municipais, en maio de 2019. Unha cita coas urnas que o BNG encara co obxectivo “non só de recuperar a representación municipal, senón de acadar unha moi boa presenza”. Neste senso, Otero destacou estes dous últimos anos deixaron en evidencia “a diferenza entre que o BNG estea ou non no pleno municipal”. “A veciñanza e os colectivos sociais son hoxe plenamente conscientes de que co BNG no Pleno habería unha oposición exixente ao desgoberno de Caballero pero tamén se porían enriba da mesa propostas e alternativas ao servizo da cidade”, defendeu.
Para a nova etapa que se abre, os obxectivos do BNG de Vigo, para alén de consolidar a recuperación electoral iniciada nas pasadas eleccións galegas, pasan polo reforzamento organizativo, aumentando a afiliación, reforzando a implantación territorial a través dos grupos de barrio, e o estreitamento da xa intensa relación e cooperación cos movementos sociais da cidade.
Composición do novo Consello Local do BNG de Vigo:
- Serafín Otero Fernández
- Alberte Mera García
- Belén García Suarez
- Cristina Hermida Moinelo
- Xabier Pérez Igrexas
- Ana Belén Martínez Piñeiro
- Diego Santorio Moscoso
- Maribel Tato Sanchez
- Xesús López Carreira
- Félix Caride Correa
- Tino Lago Vargas
- Lidia Fariña Piñeiro
- Borxa González Castro
- Chelo Lago Mariño
- Adrián Rodríguez Bravo
- Manuel Caride Correa
- Sefi Romero Alvarez
- Xosé Manuel Atanes Limia
- Xosé Antonio González Azpeitia
- Cristina Fojo Campos
- Xoán Carlos Rodríguez Vila
- Amparo Alonso Sanchís
- Xandra Martínez Rodríguez
- Anxo Igrexas Covelo
- Lois Pérez Castrillo
Integrarase tamén unha persoa designada como representante de Galiza Nova.
Suplentes:
- Xosé Sánchez Blázquez
- Raquel Pérez Fernández
- Eduardo Ruanova Dávila
- Ana Pérez Dávila
- Cristovo Vidal Fernández
- Andrea Tato Boullón
- Xosé Carlos de la Fuente Estévez
- Patricia Maquieira Gomez
- Xosé Saiáns Torrado
- Elsa Quintas Alborés
- Begoña Portilla Alonso
- Xerome Calero Prado