Ana Miranda: Non podemos permitir que nos rouben un século de loita obreira. Hai que votar ao BNG"
A candidata nacionalista estivo con traballador@s de Citröen en Vigo, onde denunciou as consecuencias das políticas laborais e económicas do PP e do PSOE instigadas pola troika
O BNG defende a implantación da xornada laboral de 35 horas e a eliminación das horas extras para aumentar o número de postos de traballo e a incorporación de xente moza
Vigo, 20 de maio de 2014.- A cabeza de lista do BNG ao Parlamento Europeo, Ana Miranda, pediu hoxe ás traballadoras e traballadores deste país que non queden na casa este domingo, que se rebelen indo a votar ao BNG para loitar contra as políticas laborais e económicas da troika que executa o PP e que supoñen unha perda de dereitos. Non podemos permitir que nos rouben un século de loita obreira. Non podemos consentir esta Europa que quere aumentar as horas de traballo, reducir os soldos e incrementar a idade de xubilación, dixo Ana Mirnada.
A candidata nacionalista pedíu o voto obreiro durante un reparto a traballadores e traballadoras de Citröen en Vigo, onde denunciou as consecuencias das políticas laborais e económicas do PP e do PSOE instigadas pola troika. Propuxo, por contra, políticas encamiñadas á creación de emprego e á mellora das condicións laborais dos traballadores e traballadoras, que o BNG leva no seu programa electoral, como a implantación da xornada de 35 horas, así como a eliminación das horas extras para aumentar o número de postos de traballo e facilitar a incorporación da xente moza.
Tamén defendeu derogar o retraso na idade de xubilación, que prexudica a incorporación de xente moza ao emprego, loitar contra as deslocalizacións de empresas e aplicar unha regulación laboral xusta que evite a precariedade e permita condicións de vida dignas aos traballadores e traballadoras.As traballadoras e traballadores deste país teñen que escoller entre que lle sigan dando paus ou a súa dignidade e eu invítoos a loitar pola súa dignidade como sempre fixeron os traballadores e traballadoras, pediulles Ana Miranda, que lles dixo que teñen no BNG un aliado.
Precariedade e explotación da xente moza
Ana Miranda denunciou asemade a precariedade laboral á que están sometidos moitos mozos e mozas galegos, con salarios mini e horarios extra, dixo. A candidata nacionalista afirmou que traballar 9, 10 ou 12 horas ao día por 600, 700 ou 900 euros é unha nova forma de escravitude, a escravitude do século XXI, dixo Ana Miranda.
A candidata do Bloque denunciou que as políticas laborais e económicas do PP e do PSOE, que son as que a nivel europeo recomenda a troika, levan á miseria e á emigración á mocidade deste país. Hoxe en día pódese ser pobre aínda tendo traballo, asegurou. Ana Miranda acusou a dereita, e tamén o PSOE, de lexislar a favor das grandes empresas e en contra dos traballadores e traballadoras, con leis como a Reforma Laboral, que flexibiliza os despedimentos e precariza o traballo.
Unha Europa social fronte á Europa da troika
A cabeza de lista do BNG reclamou traballo digno na nosa terra, como pide o lema de campaña do BNG, e defendeu unha Europa social e dos dereitos fronte a esta Europa da troika que explota aos traballadores e traballadoras. Reclamou políticas de apoio á industria e aos sectores produtivos galegos porque o paro é hoxe o principal problema dos galegos e galegas, dixo. Denunciou que 300.000 persoas neste país están sen emprego e non atopan traballo nin buscando debaixo das pedras e culpou ás políticas de recortes do PP de afogar a economía.
Ana Miranda dixo que a troika en Galiza chámase Feijóo e no Estado español Rajoy e Rubalcaba porque PP e PSOE lexislan ao ditado da troika e das grandes multinacionais, que xa conseguiron a reforma laboral e agora van a polo salario mínimo, conquistas sociais de décadas que están en perigo, alertou. Por iso, a candidata nacionalista invitou aos cidadáns a ir a votar o día 25 para defender as conquistas históricas dos traballadores e traballadoras.