O BNG solidarízase co compañeiro denunciado por pintar Galiza Nación ao paso da Vuelta ciclista
O Bloque convoca unha concentración de apoio desde as 10:45 horas diante do xulgado de Paz de Baiona durante a celebración do xuízo
Baiona, 19 de marzo de 2014.- Mañá 20 de marzo terá lugar no xulgado de Paz de Baiona un xuízo de faltas contra o responsábel comarcal do BNG en Vigo, Manuel Caride, a raíz da denuncia presentada pola Garda Civil pola realización de murais da bandeira galega nos que se podía ler Galiza Nación. Dende o BNG solidarizámonos co noso compañeiro convocando unha concentración de apoio ás 10:45 horas diante do xulgado de Paz de Baiona durante a celebración do xuízo.
Os feitos remítense a agosto do ano pasado cando na edición da Vuelta 2013 a etapa tiña o seu remate no Alto da Groba en Baiona. Neste punto foi onde foron identificados pola Garda Civil o noso compañeiro xunto con outros tres militantes nacionalistas, pola realización dos citados murais no Alto da Groba, e sendo este o único denunciado. O obxecto dos murais era a visibilización de Galiza e da bandeira galega naquelas etapas da Vuelta por territorio galego, e se enmarcaban dentro das típicas pintadas de ánimo aos ciclistas.
Dende o BNG manifestamos que o constante labor reivindicativa e de denuncia social que realiza o Bloque por todo o país non lesiona os bens patrimoniais do conxunto da sociedade, mais ao contrario, exemplifica o compromiso do nacionalismo coas prácticas democráticas máis elementais como son aquelas que se enmarcan no exercicio da liberdade de expresión.
Así mesmo, tamén denunciamos os continuos esforzos por parte do PP de calar a voz da cidadanía, promovendo leis propias dun estado de excepción e redobrando esforzos e recursos en amordazar e criminalizar a xente que exerce o seu dereito a manifestar publicamente a súa opinión, non fan máis que acrecentar o compromiso do BNG cunha democracia activa e horizontal, transparente e participativa.