O BNG pide a paralización total do traslado ao novo hospital pola falla de garantías sanitarias

O BNG pide a paralización total do traslado ao novo hospital pola falla de garantías sanitarias

A fronte nacionalista responsabiliza ao modelo privatizador imposto polo PP do “caos asistencial, de seguridade e de conexión”.

Piden a dimisión do Xerente do Sergas, da Conselleira de Sanidade e exixen a comparecencia urxente de Feijóo.

DSC01738Vigo, 29 de agosto de 2015.- Nunha rolda de prensa de urxencia realizada esta mañá, o Bloque Nacionalista Galego reclamou que o “reprogramamento”, anunciado onte polo Xerente do Segas, se converta na paralización total do traslado ao novo Hospital de Vigo. Unha petición que xustifican diante da falla de “garantías sanitarias básicas” que confirman as centos de denuncias formuladas por doentes  e profesionais desde hai meses.

As deputadas no Parlamento Galego Carme Adán, Montse Prado e Daniel Rodas, compareceron publicamente canda o Responsábel local do BNG de Vigo, Henrique Viéitez, para dar traslado da posición da organización nacionalista diante da “enorme alarma social” arredor do traslado ao Hospital Álvaro Cunqueiro.

“Se este era o proxecto estrela de Feijóo para Vigo, o proxecto está provocando alarma e caos” criticou Carme Adán. “Feijóo ten que vir a Vigo a explicar que está pasando co hospital, que está pasando coas citas coas axendas fechadas en moitas especialidades” dixo.

Iniciativas

Montse Prado deu conta de dúas proposicións non de lei presentadas para o seu debate no Parlamento. Iniciativas coas que pretenden “garantir que o novo hospital de Vigo teña unhas mínimas condicións para as persoas doentes” e tamén para exixiren “responsabilidades ao Partido Popular”, explicou.

Nas proposicións demandan a paralización total do proceso de traslado ao novo hospital mentres non se resolvan todas as deficiencias detectadas e se garanta a seguridade e a calidade asistencial, atendendo as peticións do persoal sanitario. Aliás, reclaman que se habilite un servizo de aparcamento gratuíto, que non se cobre ás doentes por accederen a TV ou internet, e a posta en marcha dun plan de transporte público e intermodal para toda a área sanitaria. A este respecto o deputado Dani Rodas enfatizou a gravidade que para a comarca do Morrazo ten a falla de conexión co Álvaro Cunqueiro.

“A paralización do traslado anunciada polo novo xerente confirma que son clamorosas as deficiencias do hospital e que houbo unha total falla de control e de planificación da obra” reprochou Prado, quen afirmou que o imprudente non era continuar co traslado (como recoñeceu o propio xerente) senón telo iniciado “cunha obra sen rematar e sen contar co persoal sanitario”.  Unha temeridade que para o BNG só se debe ao interese do PP por acometer o traslado unicamente atendendo “prazos electorais” e os tempos que foran máis beneficiosos para a concesionaria privada. O Bloque quere, ademais, que se comprobe se as deficiencias detectadas foron provocadas polo “aforro en materiais” durante a construción do centro.

Responsabilidades

Para Prado “todos os problemas confirman o tremendamente prexudicial que ía ser para a sanidade o proceso de privatización que promove o PP”. Un proceso de “resultados nefastos” e do que o Hospital Álvaro Cunqueiro “é o peor dos exemplos da política privatizadora do PP”.

Por iso demandan que se depuren todas as responsabilidades políticas, polo que ademais de reiterar a petición de dimisión do Xerente e máis da Conselleira de Sanidade, urxen a que Núñez Feijóo compareza no Parlamento para dar explicacións.

O Bloque fai un chamamento “explícito” a toda a veciñanza da área sanitaria de Vigo a acudiren á manifestación convocada pola Xunta de Persoal do CHUVI para o vindeiro día 3 de setembro.

_DESCARGAS:

PNLP_Paralización traslado dos servizos ao novo hospital

PNLP_Servizos complementarios gratuítos usuarios novo hospital

O BNG pide a paralización total do traslado ao novo hospital pola falla de garantías sanitarias