O BNG retruca ao PP que seguirá a defender os intereses de Vigo en todas as institucións
A fronte nacionalista rexeita as declaracións da voceira municipal do Partido Popular a respecto da Deputación de Pontevedra.
Vigo, 22 de xullo de 2015.- A Executiva Local do BNG de Vigo vén de reiterar que a organización nacionalista continuará a defender os intereses da veciñanza de Vigo en todas as institucións. Desta maneira responden as declaracións realizadas pola voceira do grupo municipal do Partido Popular, nas que insinuaba que na investidura da nova presidencia da Deputación de Pontevedra se omitira facer referencia a Vigo por indicación do BNG. Unha afirmación que as nacionalistas cualifican de falsidade interesada e que rexeitan de plano.
Para alén de lembraren que a responsabilidade sobre os termos dun discurso de investidura corresponden á persoa que vai ser investida e a máis ninguén, a dirección local do Bloque lamenta que o Partido Popular non teña asumido os resultados electorais que o pasado 24 de maio se traduciron nunha clara maioría de cambio a nivel provincial. Este ataque do Partido Popular visa na súa opinión que o BNG sigue a ser un referente político na cidade, con capacidade de influencia nas políticas que sirvan para reverter a situación de crise social que padece Vigo, así como ser determinante para a necesaria reconversión dunha administración obsoleta que debería desaparecer.
Nese sentido, reiteran o compromiso do Bloque de traballar desde a Deputación para eliminar as prácticas caciquís mantidas eternamente polo PP e orientar os recursos e os esforzos a mellorar os servizos e a calidade de vida da veciñanza.
Defensa de Vigo
A dirección nacionalista denuncia a utilización demagóxica da defensa da cidade máis unha vez como elemento de confronto partidista. Apuntan que continuarán a empregar a presenza institucional da que dispoñen, tanto na Deputación de Pontevedra, como no Parlamento Galego, no Congreso en Madrid e en Bruxelas para defender os intereses da cidade e da súa veciñanza. Por máis que teimen en negalo, a cidadanía de Vigo sabe que onde está o BNG están presentes as necesidades e demandas da cidade e de Galiza enfatizan.
Ademais, exixen ao Partido Popular que deixe de invocar a defensa de Vigo de maneira retórica e que a substancie en feitos concretos, como o de atender o clamor social que exixe un novo hospital cento por cento público e dotado de todos os medios necesarios, a principiar por un laboratorio central. As declaracións da voceira do PP son un mal intento de xustificar a súa incapacidade política á hora de atender e entender os problemas da cidade.