O BNG exixe a subrogación do persoal das escolas infantís municipais
Reclama ao goberno municipal que cumpra o acordo plenario que, a proposta do BNG, mandataba a súa inclusión no prego de condicións.
Alerta das consecuencias que para o persoal e para o propio servizo suporá non manter o actual plantel.
Vigo, 27 de xullo de 2015.- O BNG de Vigo reitera a súa exixencia de que o proceso de adxudicación da xestión das escolas infantís municipais (EIM) inclúa a subrogación do actual cadro de persoal. Esa petición foi obxecto dunha moción da fronte nacionalista que o pasado 27 de abril resultaba aprobada por unanimidade. Porén, tal e como e veñen de denunciar as organizacións sindicais o prego aprobado non inclúe esa condición, o que ademais de ameazar a estabilidade laboral de 70 traballadoras pon en risco un servizo que as nacionalistas xulgan fundamental.
De non ser obrigatoria a subrogación do persoal, no caso de que o concurso fose gañado por unha empresa diferente a actual adxudicataria, suporá botar por terra todo o traballo feito polas profesionais que durante anos estiveron a atender as escolas alertan desde o BNG, advertindo das consecuencias que pode ter para a atención educativa prescindir da experiencia acreditada do actual plantel.
A executiva local do Bloque demanda ao goberno municipal que dea cumprimento a ese acordo plenario, e que proceda a modificar o prego de condicións para incluír como condición obrigatoria para a empresa adxudicataria a contratación por subrogación das traballadoras da empresa cesante.
Fórmula legal
Desde a fronte nacionalista volven lembrar que un acordo plenario de 1996 xa obriga a incluír a subrogación como condición en todos pregos para a prestación de servizos públicos en réxime de xestión indirecta, como é o caso das EIM. Ademais, a propia asesoría xurídica do Concello de Vigo (nun informe do 8 de abril de 2010) visou a legalidade da subrogación, fórmula que xa foi utilizada nos pregos de condicións para a xestión das escolas infantís do ano 2005, 2009 e 2010. Para alén diso, sinalan que esa fórmula continúa a ser empregada na actualidade por outras administracións, como a Xunta de Galiza e tamén por outros concellos gobernados polo PSOE.
O cambio de posición do grupo de goberno, que malia ter apoiado a moción nacionalista de incluír a subrogación finalmente non o fixo, é para o BNG unha demostración do seu cinismo. O PSOE vota nos plenos uns acordos que logo o seu goberno incumpre reiteradamente critican.