O BNG eríxese en Vigo como única alternativa útil para defender Galiza en Madrid e xerar emprego aproveitando as potencialidades do país

ENCONTRO SINDICATOS2
Xabier P.Igrexas, Xesús López Carreira e Serafín Otero durante a reunión cos sindicatos

Representantes nacionalistas avogaron hoxe por unha tarifa eléctrica galega reuníronse coas ‘cabezas’ dos principais sindicatos vigueses  ​

O BNG eríxese en Vigo como única alternativa útil para defender Galiza en Madrid e xerar emprego aproveitando as potencialidades do país

Só un aumento da capacidade de decisión dos galegos e galegas permitirá saír da situación da precariedade laboral actual na que vive o país. Así o manifestou o número dous da lista nacionalista ás eleccións xerais, o vigués Xesús López, quen afirmou que o BNG é a única forza política que defenderá en Madrid os intereses galegos e apostará pola xeración de emprego de calidade aproveitando as potencialidades do país.

Nun encontro coas cabezas dos principais sindicatos da cidade olívica (CIG, UXT e CC OO), López subliñou que o voto ao BNG terá valor duplo, xa que levará as necesidades concretas de Galiza ao Congreso, e esixirá cos seus deputados a derrogación da contrarreforma laboral e das leis antisociais e antidemocráticas vixentes que foron aprobadas polo PP e que permaneceron despois co goberno do PSOE e o apoio de Podemos e En Marea.

López asegurou que a reunión cos sindicatos foi unha posta en común de valoración e consecuencias que no mundo laboral está a ter a crise do modelo neoliberal e a crise económica, que se ve influenciada tamén pola crise do modelo territorial do estado. “Ambas cousas xuntas crean unha situación de precariedade laboral e redución drástica do estado do benestar, dunha ampliación enorme da bolsa de pobreza e mesmo da dificultade para cubrir necesidades básicas de alimentación, de ensino e vivenda”, indicou.

Ante esa diagnose, ámbalas tres forzas sindicais presentaron ao BNG as súas propostas para reverter as profundas desigualdades existentes, que foron escoitadas e recollidas. O número 2 da candidatura nacionalista asegurou que a coincidencia nos elementos fundamentais foi case plena, mais subliñou que dende o punto de vista do BNG a solución máis clara pasa polo aumento da capacidade de decisión dos galegos e galegas sobre as políticas que se poñen en marcha en Galiza.

“Cremos que é fundamental que galegos e galegas teñamos representación na vindeira lexislatura nas Cortes do Estado en Madrid, onde os dous elementos fundamentais sobre os que vai xirar a política son a crise económica e o modelo territorial é fundamental. O BNG é unha voz firme en defensa dos intereses de galegas e galegos, a única alternativa útil para solucionar os problemas do país”, subliñou.

Unha tarifa eléctrica galega, fundamental para a automoción

Pola súa banda, o candidato á Alcaldía de Vigo, Xabier Pérez Igrexas manifestou que a situación laboral da comarca de Vigo e especialmente da cidade é un exemplo clamoroso do efecto letal das reformas laborais impostas polo Partido Popular e que o executivo de Pedro Sánchez co apoio de Podemos-En Marea non quixo derrogar".

Pérez Igrexas cualificou as 24 mil persoas sen emprego en Vigo de cifra “insoportábel” e lembrou que son 9.400 postos menos que hai dez anos debido á "desertización produtiva" que padece a comarca. Ante isto, comprometeu que o retorno do Bloque ao Congreso servirá para "defender o desenvolvemento produtivo de Vigo e a súa área" para "crear emprego digno e estábel”.

Entre as propostas do BNG plantexou a creación dunha tarifa eléctrica galega, que defendeu como "vital para unha industria electrointesiva como a automoción", a posta en marcha do centro de reparación naval na Ría de Vigo para revitalizar un sector "en coma", ou a aposta decidida por facer de Vigo a capital galega da innovación, a tecnoloxía e as comunicacións. Aliás, o candidato nacionalista puxo en valor o traballo realizado durante 20 anos polo BNG no Congreso demandando investimento que permita desenvolver a mellora de infraestruturas básicas para a cidade, desde o ferrocarril, o porto ou Peinador.

No encontro entre os reprensentantes do BNG e os sindicatos estiveron pola parte sindicalista o secretario comarcal de CIG Alberto Gonçalves, o secretario de organización de CIG, e Anxo Igrexas; a secretaria xeral e representantes de CC OO, Amelia Pérez, Paco Carrera e Fernando Armendáriz; e o secretario xeral en Vigo de UXT, Ernesto González.

O BNG eríxese en Vigo como única alternativa útil para defender Galiza en Madrid e xerar emprego aproveitando as potencialidades do país