O BNG retruca a López Veiga: “o tempo dos recheos e as agresións á Ría rematou”
_O candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, rexeita os plans do actual presidente da Autoridade Portuaria de Vigo de realizar novos aterramentos.
_A formación nacionalista reclama que o Porto reordene os usos da súa superficie en lugar de apostar por un modelo insostíbel en termos ambientais.
O BNG de Vigo rexeita frontalmente a posibilidade de ampliar a superficie portuaria da cidade a través de novos recheos e aterramentos como vén de anunciar o presidente da Autoridade Portuaria, o popular Enrique López Veiga.
O candidato nacionalista á alcaldía da cidade, Xabier P. Igrexas, amosouse rotundo afirmando que “o tempo dos recheos e as agresións á nosa Ría rematou”. Neste sentido, diante dos problemas de espazo argumentados por López Veiga, como por exemplo na zona do Transversal, Pérez Igrexas exixiu ao responsábel portuario que “acometa dunha vez por todas a racionalización e reordenación dos usos da actual superficie portuaria, precisamente para garantir que se dediquen a actividades propias do Porto”.
Desde a fronte nacionalista alertan de que o “impacto ambiental de novos aterramentos suporía agravar a xa precaria situación da Ría de Vigo”. Esta situación volverá ser obxecto de análise no Parlamento europeo despois de que non se teñan atendido ningunha das recomendacións comunitarias. “Non se pode tratar a Ría nin como un sumidoiro, nin como un almacén infinito. Debemos protexer un medio que é xerador de riqueza e que supón un enorme patrimonio ambiental e paisaxístico”, sostén Pérez Igrexas.
“A incompentencia na xestión do espazo por parte da Autoridade Portuaria non se pode traducir en novas agresións ambientais”, advirte o candidato do Bloque, lembrando que “a cidadanía de Vigo xa ten expresado historicamente o seu masivo rexeitamento aos recheos”. En troca, Igrexas volveu reiterar a aposta do Bloque por “reconciliar a cidade co seu litoral e deixar de virarlle as costas á Ría”.