O BNG urxe amañar o valado dos institutos Santa Irene e Santo Tomé para garantir a seguridade
_O valado perimetral presenta un estado “lamentábel”, con moitos treitos oxidados e algúns tramos a piques de caer.
_Demandan que Concello e Xunta se coordinen para executar as obras necesarias á maior brevidade.
O BNG fíxose eco hoxe do malestar veciñal e da comunidade educativa dos IES Santa Irene e Santo Tomé por causa do “lamentábel” estado no que se atopa o valado do seu peche perimetral.
Esta mañá, ás 11h, o responsábel local do Bloque, Serafín Otero, participou dunha acción simbólica ás portas do Santa Irene, xunto a veciñanza da contorna e militancia da fronte nacionalista portando carteis exixindo a Concello e Xunta que actúen de inmediato para garantir a seguridade.
“É absolutamente irresponsábel que por falla de mantemento e atención, o valado de dous centros educativos presenten este aspecto, cheos de ferraxe, con treitos carcomidos polo óxido e con tramos que están a piques de caer”, denunciou Otero. “A simple vista podemos comprobar o grao de risco. Se algún rapaz ou rapaza se colgase podería virse abaixo”, alertou.
Desde a fronte nacionalista urxen a Goberno municipal e Xunta a actuaren coa maior dilixencia. Nese sentido, demandan que tanto a Concellaría de Educación como a Xefatura Territorial de Pontevedra se poñan de inmediato a traballar conxuntamente para realizar as actuacións que sexan necesarias.